Estás en:Novas

A deputada de igualdade visita a ONG Mestura e destaca “o labor fundamental de apoio ás mulleres migrantes”

Soledad Agra destacou o traballo da entidade, ademais, na integración sociolaboral, na mediación intercultural e no fomento da igualdade de xénero

Na visita abordáronse posibles vías de colaboración para dar apoio a esta ONG, que supón "a primeira porta para persoas que chegan aquí e non contan con ningún apoio familiar"

A deputada de igualdade visita a ONG Mestura e destaca “o labor fundamental de apoio ás mulleres migrantes”

A deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, visitou a ONG Mestura, en Culleredo, que nace coa misión de prestar un servizo social profesional especializado, dirixido a persoas migrantes en situación de vulnerabilidade social.

Soledad Agra coñeceu o detalle desta entidade, da que resaltou "o labor fundamental que fan de apoio ás mulleres migrantes". Mesturas representa "a primeira porta" para persoas migrantes, "que chegan sen ningún tipo de apoio familiar", engadiu. "É un punto de apoio; un espazo aberto no que atopar unha man amiga en momentos tan complicados".

Mesturas centra o seu traballo na inclusión sociolaboral, a sensibilización e mediación intercultural e o fomento da igualdade de xénero. Nese sentido, Agra destacou "o asesoramento xurídico, psicolóxico e educativo" que ofrece, especialmente ás mulleres, "ás que axudan en múltiples cuestións como conseguir un traballo ou un piso de alugueiro, por exemplo".

Durante a visita, a deputada mostrou a intención de apoiar esta entidade e abordáronse posibles vías de colaboración, "para contribuír, dende a Deputación, a apoiar a labor social de Mesturas, especialmente en todo o relacionado coa axuda ás mulleres migrantes".