Estás en:Novas

Formoso felicita a Telefónica polo seu centenario

O presidente reuniuse co director territorial da compañía, Manuel Ángel Alonso, e abordaron proxectos que Deputación e Telefónica teñen en común, entre os que destaca o plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI), que contará coa tecnoloxía de vangarda de Telefónica para ser un referente no seu sector

Formoso felicita a Telefónica polo seu centenario

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe no seu despacho da institución provincial co director territorial de Telefónica na zona norte, Manuel Ángel Alonso Pérez.

Formoso felicitou ao directivo de Telefónica polo centenario da compañía e pola importante contribución da mesma ao desenvolvemento das telecomunicacións, a tecnoloxía e a innovación en España durante este século.

Ambos falaron tamén dos proxectos que Deputación e Telefónica teñen en común, entre os que destaca o plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI) que a institución provincial está construíndo na Cidade das TIC da Coruña e que contará coa tecnoloxía de vangarda de Telefónica para ser un referente no seu sector e nivel nacional.

Agora mesmo estanse a executar as obras do edificio e posteriormente procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.

A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que contará o plató virtual deberán posibilitar aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detallados e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real.