Estás en:Novas

A Deputación acolle a presentación do libro ‘¡Abajo las armas!’ do mestre e escritor compostelán Manuel Dios

Trátase dunha obra colectiva que pretende fomentar a reflexión sobre o pacifismo e a cultura da paz través da visión de 32 voces internacionais

A Deputación acolle a presentación do libro ‘¡Abajo las armas!’ do mestre e escritor compostelán Manuel Dios

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde na sede provincial na presentación do libro '¡Abajo las armas!', coordinado polo mestre e escritor compostelán Manuel Dios, tamén presente no acto, xunto con Mariló Candeiro e Enrique Alvarellos, da editorial Alvarellos, editora deste volume.

Trátase dunha obra colectiva que pretende fomentar a reflexión sobre a cultura da paz, a través da visión de 32 voces internacionais, expertas en análises e resolución de conflitos e ten como telón de fondo a guerra de Ucraína.

Formoso deulle os "parabéns a Manuel Dios por facer este chamamento colectivo para que voces autorizadas en asuntos relacionados coa paz e a resolución de conflitos se sumaran a este libro a través das súas consideracións, fomentando unha reflexión colectiva na materia".

Esta edición ve a luz 809 días despois da invasión rusa de Ucraína, que provocou milleiros de persoas mortas ou feridas e máis de 6 millóns de persoas obrigadas a buscar refuxio noutros países europeos.

Manuel Dios agradeceu o apoio da editorial Alvarellos para a posta en marcha deste libro, un proxecto que naceu de forma máis modesta, e que agora se amplía con colaboradores internacionais e en castelán para o mercado hispanofalante.

Dios explicou que "os artigos responden a unha pregunta directa: que foi do pacifismo?, onde están os pacifistas?. Todos lembramos aquelas grandes manifestacións contra a guerra de Irak en 2003 arredor do mundo. Por que hoxe non pasan?".

Manuel Dios foi deputado provincial entre os anos 2015 e 2019 e concelleiro de Santiago de Compostela. Trátase dunha persoa moi recoñecida no ámbito da defensa da cultura da paz.

Para elaborar este libro contou coa participación de máis de 30 expertos internacionais en asuntos relacionados coa paz.

Entre as persoas colaboradoras está Federico Mayor Zaragoza, ex director da UNESCO, que foi o autor do prólogo; David Adams, promotor da Declaración e o Programa de Acción para unha Cultura de Paz na ONU; Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz e activista defensor dos Dereitos Humanos; Carmen Magallón, catedrática de Física e presidenta de honra da Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade e Tica Font, física e fundadora do Centro dos Estudios pola Paz de Cataluña.