Estás en:Novas

A Karate Youth League reunirá na Coruña a máis de 3.000 karatecas de 77 países

A Karate  Youth League reunirá na Coruña a máis de 3.000 karatecas de 77 países

O Pazo de María Pita acolleu esta tarde a presentación da Karate Youth League, a gran competición que conta co patrocinio da Deputación da Coruña e que esta fin de semana reunirá a máis de 3.000 karatecas de 77 países na cidade herculina.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, que participou esta tarde na presentación xunto aos concelleiros Gonzalo Castro e Manuel Vázquez e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, destacou que a cidade recibirá máis de 7.000 visitantes nos vindeiros días, entre deportistas, equipos técnicos e asistentes ao evento.

Leira destacou que A Coruña "será a capital europea do karate" esta fin de semana e puxo de manifesto "a magnitude dun evento deportivo de nivel internacional", que celebra probas similares en Emiratos Árabes, México e Italia.

O deputado subliñou tamén "o bo momento do karate galego e español", que nos últimos anos experimentou un incremento de licenzas federativas e clubs, e desexou sorte a todos os participantes.

Karate 1-Youth League pertence ao circuíto mundial de categorías inferiores e está dirixido a deportistas de entre 12 e 20 anos de idade. Na Coruña haberá catro modalidades de kata e outras sete de kumite. Ademais, a realización desta proba tamén contará cun curso mundial de arbitraxe, un curso de 'coach' internacional e un 'training camp'. Está prevista a participación de 16 clubs e 51 deportistas galegos.