Estás en:Novas

A Garda Civil celebra en Mariñán o seu 180 aniversario

Participou no acto o presidente da Deputación, Valentín González Fomoso, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e outras autoridades como o xeneral xefe da Garda Civil de Galicia
Entregáronse 16 condecoracións a membros do corpo e persoas alleas pola súa colaboración e recoñeceuse coa Bandeira de Percha a 12 axentes que pasaron á reserva este ano

A Garda Civil celebra en Mariñán o seu 180 aniversario

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá ao acto oficial de conmemoración do 180 aniversario da fundación da Garda Civil, que tivo lugar no Pazo de Mariñán.

No evento participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xefe da 15 Zona da Garda Civil, Miguel Ángel González; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a delegada Territorial e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta e o xefe Superior de Policía de Galicia.

O presidente provincial quixo felicitar "a todos membros do corpo destinados en Galicia, que grazas ao seu traballo sitúan a nosa comunidade autónoma como unha das máis seguras de España".

Durante o acto entregáronse un total de 16 cruces con Distintivo Branco da Orde do Mérito da Garda Civil a membros do corpo e persoas alleas pola súa colaboración e dedicación na zona de Galicia.
Así mesmo, concedéronse tamén 12 recoñecementos a axentes que pasaron á reserva ao longo do último ano. Neste caso, a zona de Galicia recuperou a tradición de entregar unha Bandeira de Percha, insignia que ten a súa orixe no reinado de Isabel II, en coincidencia coa fundación do Instituto Armado.