Estás en:Novas

A Deputación celebra as Letras Galegas cunha programación especial na Biblioteca Provincial

Unha visita guiada e un obradoiro son as actividades principais dunha programación na que tamén se inclúe o préstamo de libros en galego
A autora homenaxeada deste ano, Luísa Villalta, será a protagonista cunha guía web de lectura para coñecer a súa vida e obra

A Deputación celebra as Letras Galegas cunha programación especial na Biblioteca Provincial

Con motivo da conmemoración do día das Letras Galegas, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña está a levar a cabo durante o mes de maio unha serie de actividades arredor da figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada durante este ano, así como iniciativas para poñer en contacto as persoas máis novas coa lectura e co arquivo bibliográfico.

As actividades deron comezo este pasado 13 de maio co 'eBiblioDaCoruna Club Lector' coa lectura de "Pensar é Escuro" de Villalta.

A programación continúa mañá na Biblioteca Provincial cunha visita guiada ás súas instalacións ás 12:00 horas, permitindo aos visitantes coñecer os exemplares máis especiais dos fondos da Biblioteca. Esta actividade busca que as persoas interesadas entendan o valor do arquivo e a necesidade de salvagardalo polo seu valor artístico e histórico. As inscricións poderán facerse a través de biblioteca.info@dacoruna.gal ou no 981 080 176, xunto co nome e apelidos e datos de contacto.

Ademais, ata o venres 17, estará habilitado un servizo de préstamo cunha selección de libros en lingua galega, que tamén estará dispoñible na plataforma dixital EbiblioDaCoruna.

Ao longo destes días, a web da Biblioteca contará cunha guía en liña para promover a lectura da figura homenaxeada pola RAG este ano: Luísa Villalta, unha autora senlleira da xeración dos 90 na nosa literatura.
Como remate da programación, o venres 24 de maio celebrarase o 'Obradoiro do Día das Letras Galegas', destinado a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade, dirixido por Ángeles Galán. O horario da actividade será de 18:00 a 19:30 horas e terá lugar no vestíbulo das instalacións da Biblioteca Provincial.

As prazas serán limitadas, cun total de 12 nenos e nenas e será obrigatorio que os participantes estean acompañados dunha persoa adulta. As inscricións estarán abertas a partir do martes, 21 de maio, chamando no 981 080 174 entre as 16:00 e as 20:00 horas.