Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira actuarán no ciclo Coa Nosa Voz, que se celebrará no Teatro Colón en xuño
Os domingos 2, 9, 23 e 30 de xuño terán lugar as actuacións, e o convite para acceder poderá retirarse, de balde, na web de ataquilla.com
"Con esta iniciativa, queremos visibilizar a canción de autora en galego, celebrar a diversidade, a calidade e o talento de mulleres como elas, que nos enriquecen, nos ensinan e levan a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música por escenarios de todo o mundo" sinalou a deputada de cultura, Natividade González
A área de cultura da Deputación promove o ciclo Coa Nosa Voz, que se celebrará no Teatro Colón os días 2, 9, 23 e 30 de xuño, e acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse dende hoxe, de balde, na páxina web de ataquilla.com. Así o anunciou esta mañá a deputada de cultura, Natividade González, acompañada das catro artistas que protagonizan o cartel, "catro voces moi diversas, de diferente procedencia, xeracións, e estéticas, pero todas elas mulleres de referencia no panorama da música galega e nacional", apuntou.
Os concertos celebraranse durante catro domingos e comezarán o día 2, ás 20h, co de Guadi Galego, que presentará o seu disco 'Síntese Horizonte'; continuarán o 9, tamén ás 20h, co de Uxía e o seu traballo 'Santa liberdade: un soño compartido'; o día 23, ás 19h, co de A Pedreira e 'Basal', e rematarán o día 30 con Antía Muíño, e o seu último álbum, 'Carta Aberta'.
Este ciclo nace para poñer en valor a 'canción de autora', "conscientes da calidade que hai nestes últimos anos, que non se corresponde coa cantidade de espazos que hai para exhibila" sinalou a deputada. "Queremos visibilizar a canción de autora en galego, celebrar a diversidade, a calidade e o talento de mulleres como elas, que nos enriquecen, nos ensinan e levan a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música por escenarios de todo o mundo".
Guadi Galego realizará un "espectáculo pensado para teatros pola luz, a escena e a atención", que requiren "un espazo afectivo e reflexivo". Ademais, afirmou, "é importante que os teatros se abran á música", e agradeceu á Deputación este ciclo, "que nos abre espazos como o Colón aos que, moitas veces, é difícil chegar". E, rematou, "é importantísimo que un país que se sinte vivo, que ten unha lingua viva, compoña dende a actualidade coas necesidades propias da sociedade".
Pola súa parte, Uxía sumouse ao agradecemento "por facer un ciclo tan acaido con voces de muller ás que quero e admiro" e amosouse "feliz de participar neste programa interxeracional".
Ugía Pedreira apuntou que se trata dun "ciclo necesario, urxente, xusto e importante" como "creadoras da nosa vida e obra" e que, ademais, "promove o relevo xeracional". No seu caso, "antes de saltar a fogueira de San Xoán imos facer un aquelarre, con convidados como Guadi Galego, cun espectáculo único, de comunidade e coreografía social".
E, por último, Antía Muíño dixo sentirse "afortunada" xa que "non se ofrecen tanto espazos como o Colón: un templo da cultura e da arte" e tamén "feliz de compartir cartel con elas, mulleres referentes, e de continuar ese camiño que elas abriron".