Estás en:Novas

Formoso visita as obras do aparcadoiro de Balarés, que estarán rematadas en setembro

Trátase dunha actuación branda e perfectamente integrada na contorna natural que o rodea, onde predominarán as zonas verdes

O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo, tempo unha superficie verde cunha permeabilidade do 90%.

Supón un investimento de 396.800 euros para dotar á zona de 395 prazas de aparcamento e rematar cos problemas de circulación e estacionamento de vehículos nos laterais da vía de acceso á praia

Formoso visita as obras do aparcadoiro de Balarés, que estarán rematadas en setembro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o tenente alcalde de Ponteceso, Juan Ramón Vidal, o concelleiro de Obras, Constantino Fernández, o concelleiro Lois García Carballido, e técnicos da empresa adxudicataria e dos departamentos de Estradas e Arquitectura provinciais visitou hoxe as obras de construción do novo aparcadoiro na contorna de Balarés, en Ponteceso, cun investimento de 396.800 euros, que teñen como obxectivo ordenar o estacionamento de vehículos e garantir a seguridade da veciñanza e dos numerosos visitantes que rexistra a praia, o piñeiral e a zona de lecer próxima, especialmente durante a época estival.

Fomoso anunciou que as obras avanzan a bo ritmo, que esta semana rematarán as tarefas de movemento de terras e que prevé que en setembro as obras estean completamente concluídas. "É necesario executar as obras durante o verán, xa que esta obra require de bo tempo para poder avanzar", afirmou o presidente, que incidiu en que este novo aparcamento solucionará a escaseza de prazas de aparcamento na contorna da praia e o piñeiral, o que ocasiona aglomeracións de vehículos que con frecuencia impiden o acceso, incluso dos servizos de emerxencias.

Aparcamento verde

"Balarés é un espazo moi singular, moi vinculado á Deputación da Coruña", afirmou o presidente, que destacou que se trata dunha intervención branda, "perfectamente integrada na contorna natural da zona" para dotala un aparcadoiro que contará con 395 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade reducida, viais de 5 metros de ancho e vía principal de acceso de 7 metros.

O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo tempo, unha gran superficie verde cunha permeabilidade do 90%. Usaranse técnicas de drenaxe urbana sostible e disporanse árbores autóctonas no espazo para unha mellor integración na zona.

As obras inclúen ademais a construción dunha senda peonil de 116 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, delimitadas a ambos lados por travesas de madeira, cunha pasarela-ponte de 4,5 metros para salvar a canle natural do regato existente na zona.

"É unha obra moi necesaria, sobre todo no verán e nas fins de semana, cando hai máis problemas de aparcamento. Estamos mirando de poñer unhas prazas accesibles máis preto da praia para que o acceso sexa máis doado", afirmou o tenente de alcalde, Juan Ramón Vidal.

Longo proceso de melloras na zona

Estas obras completan unha serie de melloras por importe de máis de 600.000 euros levadas a cabo pola Deputación na área de lecer de Balarés , iniciadas en 2016 tras a visita á zona do presidente Valentín González Formoso, a petición do entón alcalde, Lois García Carballido. Renovación do mobiliario urbano, reparación dos elementos de madeira da área de lecer, renovación da fosa séptica, adecentamento e limpeza da contorna e pequenas melloras nos accesos foron algunhas das actuacións levadas a cabo inicialmente.

Posteriormente, en 2019, a Deputación adquiriu unha parcela de 34.000 metros próxima á área de lecer para continuar realizando melloras necesarias como a creación deste aparcamento verde, que permitirá rematar cos constantes problemas de tráfico e de estacionamento dos vehículos que ata agora estacionaban nos laterais da vía principal de entrada á praia, ocasionando dificultades nos accesos e problemas de seguridade, especialmente na tempada estival.