Estás en:Novas

A deputada de Emprego fai balance do PEL no pleno da Cámara de Comercio de Santiago

O pleno celebrouse na sede de Televés en Conxo, nunha iniciativa da Cámara para abrirse ao tecido empresarial 

Rosa Ana García destaca a creación de máis de 6.000 empregos directos a través do Plan de Emprego Local da Deputación 

A deputada de Emprego fai balance do PEL no pleno da Cámara de Comercio de Santiago

O Pleno da Cámara de Comercio de Santiago celebrou onte, na sede da empresa TELEVÉS, no barrio de Conxo, unha nova sesión plenaria.

Esta iniciativa de "deslocalización" dos Plenos camerais responde á estratexia de aperturar á Cámara ao tecido produtivo da súa demarcación territorial, coa finalidade de propiciar o coñecemento da actividade cameral e dos servizos que a entidade pon ao dispor das súas empresas, e, así mesmo, coñecer o quefacer empresarial da empresa anfitrioa e escoitar as súas demandas e necesidades.

Deste xeito, durante a sesión, na que estiveron presentes Santiago Rey, CEO de Televés Corporación e o seu Secretario Xeral, Jorge Lorenzo; a Presidenta da Cámara, María Pais, e o resto de vogais do Pleno da Cámara de Comercio, puideron coñecer de primeira man as áreas de negocio e os proxectos nos que está a traballar esta empresa líder no deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións para infraestruturas de telecomunicacións tanto no ámbito do fogar como en edificios e cidades, que conta con máis de 20 firmas industriais e de servizos e emprega a máis de 900 persoas en distintos países. Na súa intervención, Jorge Lorenzo destacou a labor de investigación continua da Corporación o que posibilita que teñan superado os 200 rexistros de propiedade industrial, 80 dos cales son patentes de invención, así como o compromiso da firma coa I+D+i á que destinan o 7% da cifra de negocio da entidade.

A sesión contou tamén coa intervención da responsable da área de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Corporación provincial, Rosa Ana García López, quen destacou a labor da Cámara compostelá no desenvolvemento económico e a promoción de iniciativas empresariais innovadores e sostibles. Neste sentido, manifestou a vontade de colaboración da Deputación provincial coa entidade cameral para a posta en marcha de programas de apoio ao tecido empresarial da provincia, mediante a prestación de servizos orientación, asesoramento, acompañamento, mentorización e financiamento a persoas emprendedoras e empresas no seu proceso de desenvolvemento e consolidación.

De igual xeito informou sobre os esforzos que se están a realizar desde a Deputación da Coruña para apoiar ás empresas e persoas emprendedoras a través do Plan de Emprego Local (PEL), o cal, ten como obxectivo principal fomentar o emprego de calidade, promover o emprendemento como motor de xeración de emprego e creación de empresas, especialmente en áreas rurais, buscando así fixar poboación e mellorar o benestar social no noso territorio, contribuíndo desta forma ao desenvolvemento socioeconómico da provincia.

Neste sentido recalcou que "nos últimos oito anos, o PEL investiu máis de 106 millóns de euros en axudas e proxectos dirixidos a mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, así como á creación de máis de 6.000 empregos directos".

Pola súa banda a Presidenta da Cámara, María Pais, destacou o compromiso da Cámara "co fortalecemento do tecido empresarial e a promoción do crecemento empresarial e o emprego da demarcación cameral, traballando en estreita colaboración cos axentes clave do territorio, como é a Deputación, polo que agradeceu o compromiso compartido para lograr un desenvolvemento socioeconómico sostible e equitativo".