Estás en:Novas

Formoso destaca o “exemplo empresarial” de Joaquín González na súa traxectoria tras varias décadas en Vegalsa

O presidente provincial quixo recalcar, no peche do X Encuentro con la Industria Alimentaria, o enorme traballo do exdirector xeral da compañía, que logrou "converterse nun escaparate de Galicia"

O mandatario puxo en valor "o enorme esforzo" da compañía "por mercar aquí", xa que "investiu na compra a produtores galegos a mesma cifra que a suma dos orzamentos de Ferrol, A Coruña en Santiago"

Formoso destaca o “exemplo empresarial” de Joaquín González na súa traxectoria tras varias décadas en Vegalsa

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o "exemplo empresarial" que supón Joaquín González na súa traxectoria de case catro décadas en Vegalsa. Fíxoo no acto de clausura do X Encuentro con la Industria Alimentaria, organizado pola compañía e celebrado esta mañá na Cúpula Atlántica, na Coruña.

Joaquín González puxo fin á súa traxectoria como director xeral de Vegalsa o pasado mes de febreiro e deu o relevo a José Manuel Ferreño tras 38 anos dirixindo unha compañía que en 1998 se aliou con Eroski para converterse no líder da distribución en Galicia e está en proceso de expansión en Asturias e Castela e León. "Naceu ao amparo de moita xente, nunha época ben diferente á actual. Os valores eran moito máis atrasados e agrarios, os dereitos sociais eran ben diferentes e a loxística, tamén. É un exemplo a nivel empresarial en Galicia e en España", apuntou Formoso.

Para o presidente provincial, Vegalsa "é un escaparate dos produtos galegos". "Cando un percorre un supermercado, percorre Galicia. Os seus portos e os seus campos. Hai que recoñecer o traballo da compañía. Cando un estuda as súas cifras, detecta o esforzo por mercar aquí. Na compra a produtores galegos agroalimentarios, investiu unha cifra que é a suma dos orzamentos de Ferrol, A Coruña e Santiago, as tres principais cidades das provincia", matizou.

Neste sentido, o mandatario amosouse "seguro" de que a empresa saberá "afrontar os retos" que ten no horizonte e que pasan, como noutros sectores, pola sustentabilidade a través da transición enerxética e a economía circular. "Neste ámbito, a compañía traballa desde hai moitos anos e Galicia ten que ter un papel protagonista. De feito, xa é a comunidade con máis enerxía eólica producida no ámbito nacional", expresou Formoso, que non se quixo esquecer dos transportistas, "fundamentais" nesa cadea que permite ao sector ser o cuarto con máis peso sobre o total do emprego galego.