A Deputación da Coruña apoia con 118.000 euros o labor de 28 comunidades de montes de man común da provincia
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destaca o importante papel das comunidades de montes no aproveitamento dos recursos forestais e agrogandeiros
As axudas van destinadas a accións de repoboación forestal, prevención de incendios ou melloras de camiños e pistas rurais
As comunidades de montes man común administran en Galicia máis de 700.000 hectáreas, unha cuarta parte do territorio galego
A Deputación da Coruña apoia con 117.681 euros a actividade de 28 comunidades de montes veciñais de man común da provincia e dúas asociacións sen ánimo de lucro do ámbito forestal.
A resolución da liña de axudas para investimentos publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e subvenciona accións como a repoboación forestal con especies autóctonas, accións de prevención de incendios e limpezas, melloras e arranxos de camiños e pistas forestais. As axudas van dos 1.000 aos 8.000 euros por entidade en función do tipo de acción solicitada.
A deputada responsable da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou que este programa apoia o importante traballo que desenvolven as comunidades de montes de man común na provincia "tanto no aspecto medioambiental como no aproveitamento dos recursos forestais e agrograndeiros, que xeran riqueza e emprego no noso rural".
"Falamos de actividades importantes, como a limpeza do monte ou a repoboación forestal, que contribúen á prevención dos incendios forestais e que axudan a manter a biodiversidade, a produtividade e a capacidade de rexeneración dos nosos montes", afirmou a deputada.
As comunidades de montes veciñais de man común administran en Galicia máis de 700.000 hectáreas, unha cuarta parte do territorio galego, o que dá conta da súa importancia social, ambiental e económica. Con estas actuacións, a Deputación da Coruña quere apoiar o seu traballo na mellora da produtividade e a dinamización do rural galego.
Listaxe de entidades beneficiarias:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/05/29/2024_0000003673.html