Estás en:Novas

A coruñesa Igrexa das Capuchinas acolle este domingo os concertos do dúo Vesta e do coro Cantabile

Trátase dunha iniciativa promovida pola área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña

O concerto comezará ás 19:00h e a entrada é libre até completar a capacidade

A coruñesa Igrexa das Capuchinas acolle este domingo os concertos do dúo Vesta e do coro Cantabile

A Igrexa das Capuchinas (Rúa Panaderas, A Coruña) será este domingo o escenario das actuacións do dúo Vesta e o Coro Cantable. Organizado pola área de patrimonio e contratación da Deputación da Coruña, este concerto comezará ás 19h e a entrada é libre até completar aforo.

O Dúo Vesta será o encargado de comezar a xornada, interpretando a J.L. Bach; B. Marcello; A. Gilis ou K. Davydov, entre outros. Para continuar, o Coro Cantabile interpretará a Vivaldi e, como broche final, ambos actuarán xuntos para interpretar a A. Rodríguez Sabanés e J. Montes.

O Dúo Vesta está formado por Hiwot Vilariño e Gregorio Keilin. Hiwot iniciou os seus estudos de piano aos seis anos con Graciela Bortz; prosegue na Academia "Rapsodia" con Anna Mirzoyan, e recibe clases extraordinarias con Ayako Zemba e Alexander Gold. Actualmente, recibe clases da profesora María Keilin. Continúa os seus estudos de piano con Julio Mourenza no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Gregorio comeza aos cinco anos a estudar o piano coa súa nai, María Keilin, e aos sete, o violonchelo co seu pai, Iliá Keilin. Dende o ano 2005 é alumno da Escola Municipal de Música da Capela, onde cursa os estudos dos dous instrumentos. No ano 2015 obtén o Título Profesional de Violonchelo, e en 2017 o Título Profesional de Piano. En 2021 finaliza o Grao de Violonchelo. En 2024 obtén o Título Superior de Pedagoxía Musical. Actualmente, estase doutorando na Universidade da Coruña e é o profesor de Violonchelo no Conservatorio de Melide.

Pola súa parte, o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile nace da asociación que leva o seu mesmo nome, como un gran proxecto musical e social que integra a nenos e nenas, coa música clásica como fío condutor. Hoxe son un referente musical en toda Galicia, grazas ao gran número de concertos e xiras que realizan: Viena, Salzburgo, Lisboa, Bolonia, Madrid, Roma... Cantabile xa gravou seis discos, entre eles a banda sonora da película De Profundis (estreada coa Orquestra Sinfónica de Galicia), o disco dedicado á obra vocal sacra de Vivaldi avalado polo musicólogo José López Calo, "Mozart e Haydn nas voces de Cantabile" ou o último proxecto, Palabras de Luz: doce pezas corais inéditas, galegas e en galego, que compartimos tamén con todos os coros galegos, e que foi premiada na sétima edición dos Martín Códax da música galega, na categoría de "Coros e grupos vocais".