Estás en:Novas

O Concello da Capela contará cun aparcadoiro disuasorio e unha lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

O obxectivo é reducir o uso do vehículo privado no parque natural e dar solución aos problemas de aparcamento

O aparcadoiro, financiado con fondos do PSTD Fragas do Eume, contará cunha superficie de 2.350 metros cadrados e prazas para caravanas, turismos, motocicletas e bicicletas

O Concello da Capela contará cun aparcadoiro disuasorio e unha lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da redacción do proxecto e dirección da obra do aparcadoiro disuasorio na contorna das Fragas do Eume, no Concello da Capela, que supón un investimento de 13.078,39 euros con fondos do PSTD das Fragas do Eume, financiado co Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationUE.

Con esta a actuación, dáse un paso importante no dobre obxectivo de reducir o uso do vehículo privado no parque natural e solucionar a problemática no referente ás prazas de estacionamento dispoñibles para os e as visitantes, especialmente durante os meses de verán.

A proposta planea unhas obras de urbanización cun orzamento de licitación estimado de 146.921,61 euros nunha parcela situada no Concello da Capela que linda co Centro de Saúde e o parque municipal, no lugar das Neves, desde onde se ofrece un acceso directo ao Parque Natural das Fragas do Eume.

A área de intervención prevista é de 2.350 metros cadrados e neles construirase un aparcadoiro disuasorio,con materiais de construción sostibles e zonas de terreo vexetal que ocupen arredor do 25-20% da superficie e que sexan suficientes para a correcta infiltración das augas. O espazo deberá dispoñer de prazas para persoas con mobilidade reducida e para o estacionamento de turismos, motocicletas e bicicletas.

Ademais, contará con prazas para oito caravanas e espazos para dar servizo aos seus usuarios (tomas de auga e sumidoiros conectados á rede de evacuación municipal, contedores de recollida selectiva de lixo..), así como punto de recarga para dous vehículos eléctricos de forma simultánea.

Lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume

O proxecto contempla, unha vez rematadas as obras do aparcamento disuasorio, a subministración dun vehículo eléctrico de transporte público que preste o servizo de traslado dos visitantes desde este punto ata o parque natural das Fragas do Eume.

O obxectivo é reducir as emisións de Co2 e a contaminación acústica que produce o tránsito continuo de vehículos de combustión, así como a xeración de residuos dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, ao mesmo tempo que se consigue unha mellor ordenación do tráfico eliminando os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante a época estival.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---