Formoso felicita o Diario de Ferrol por 25 anos de compromiso coa información local
Valentín González Formoso asistiu á Gala de aniversario do xornal no Teatro Jofre, onde destacou a importancia do xornalismo local
![Formoso felicita o Diario de Ferrol por 25 anos de compromiso coa información local](/files/cache/fb3d7c5df81f3219182f486f19493964_f65757.jpg)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no Teatro Jofre na Gala de celebración do 25 aniversario do Diario de Ferrol
Na súa intervención, Formoso destacou a tradición xornalística de Ferrol, onde se forxaron numerosos cronistas e medios de comunicación, e a importancia do xornalismo local nun momento moi complexo, marcado pola inmediatez na comunicación, a expansión da redes sociais e as "fake news", que non sempre son facilmente distinguibles da verdadeira información.
O presidente destacou a traxectoria do medio ferrolán e o seu compromiso coa información local durante estes 25 anos. "Diario de Ferrol naceu ás portas da encrucillada entre o papel e a pantalla que supuxo a chegada do século XXI, e a pesar de todas as dificultades, segue hoxe como o primeiro día, exercendo esa función fundamental de relatar e dar voz ao que sucede máis preto de nós. De contar as cousas de aquí desde aquí, como di o seu lema", sentenciou.
"Hoxe, máis ca nunca, a información local é imprescindible. Precisamos medios de comunicación coa vocación de ofrecer información rigorosa, contrastada e veraz, que axude a comprender e interpretar a realidade, sen esquecer que o lector é o verdadeiro dono da información e, polo tanto, protagonista fronte a calquera poder", afirmou Formoso, que agradeceu "o labor fundamental" dos medios de comunicación locais da comarca de Ferrol "que dan a coñecer o moito que a sociedade ferrolá é capaz de facer, que serven de escaparate aos nosos emprendedores, ás ideas, ao talento e o esforzo de milleiros de persoas que fai que a provincia da Coruña siga sendo o motor social e económico de Galicia".
Formoso felicitou tamén á nova directora do xornal, Cristina Rodríguez, aos profesionais que fan posible que o xornal saia todos os días á rúa, e aos responsables da Editorial La Capital pola súa aposta polo xornalismo local, con outras cinco cabeceiras en Galicia.
Durante o acto entregou un dos galardóns da noite ao Rácing de Ferrol como institución ferrolá máis destacada.