Estás en:Novas

A Deputación mellora a seguridade peonil en Vedra

Formoso visitou hoxe co alcalde de Vedra as novas beirarrúas da estrada de Gaiosa a Ponte de Sarandón (DP 8901) e a zona onde se executarán varios tramos de sendas peonís das estradas DP-1202 e DP 8203 no centro urbano de Vedra e en San Xián de Sales

As obras suman un investimento de preto de medio millón de euros e permiten mellorar a seguridade peonil atendendo as necesidades da veciñanza

A rede provincial de estradas provinciais conta xa con 382 quilómetros de sendas e beirarrúas

A Deputación mellora a seguridade peonil en Vedra

A Deputación da Coruña inviste medio millón de euros na execución de diversas obras de mellora da seguridade peonil no concello de Vedra.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde da localidade, Carlos Martínez Carrillo, da deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e de técnicos do departamento de estradas da institución provincial, visitou hoxe distintas actuacións de construción de beirarrúas e sendas que se realizaron nas estradas DP 8901 e a zona dos traballos proxectados nas DP 1202 e DP 8203.

Formoso destacou que "a mellora da seguridade peonil é unha das prioridades incluídas no Plan estratéxico de estradas recentemente aprobado pola Deputación e cun investimento previsto de 210 millóns de euros ata 2029 para racionalizar, planificar e modernizar a xestión da rede provincial de estradas – que conta con 2.100 quilómetros- e dispón actualmente de 382 quilómetros de beirarrúas e sendas peonís".

"O noso obxectivo é seguir mellorando a seguridade das estradas, prestando tamén atención a aqueles usuarios e usuarias máis vulnerables, como os peóns", apuntou o presidente.

No caso da estrada DP 8901 de Gaiosa a Ponte Sarandón, os traballos xa están rematados e supuxeron un investimento de 205.604 euros para construír un novo tramo de beirarrúas por ambas marxes da estrada ao longo de case 700 metros, así como para configurar novos espazos de aparcadoiro, que melloran a seguridade peonil e dan servizo á veciñanza dunha zona na que hai unha elevada concentración de vivendas, pese ao cal non dispoñía ata agora dun espazo seguro para a circulación de peóns.

As obras incluíron tamén a mellora do sistema de drenaxe e recollida de pluviais da estrada, así como a rotulación na calzada dun "stop" e un cebreado para incrementar a seguridade viaria.

Traballos nas DP 8203 e 1202

O presidente da Deputación, o alcalde de Vedra e a deputada de Vías e Obras supervisaron tamén a zona onde nas vindeiras semanas se iniciarán os traballos de mellora da seguridade peonil en distintos tramos das estradas provinciais DP 8203 e DP 1202, que supoñen un investimento de 252.200 euros

No caso da DP-1202, as obras afectarán ao situado entre o punto quilométrico 1+000 e o 1+900, dende o velódromo ata o cruzamento que leva á igrexa de Vedra. No da DP-8203, desenvolveranse na zona comprendida entre o punto quilométrico 0+000 (onde conectan coa actuación na DP-1202) e o 0+890, pasando por diante do concello. Finalmente, actuarase entre os puntos quilométricos 6+100 e 6+680, na zona de San Xián de Sales.

O obxectivo destas actuacións é garantir a seguridade peonil nos tres tramos. En primeiro lugar, incrementarase a sinalización tanto vertical como horizontal. Aplicaranse sobre o pavimento bandas transversais de alerta e novos pasos de peóns, e colocaranse novos sinais verticais, tanto de perigo para advertir da presenza de viandantes como de velocidade máxima de circulación.

Ademais, en San Xián de Sales crearanse, na marxe esquerda da estrada, unha senda peonil e unha zona de aparcadoiro en liña. A senda estará ao mesmo nivel da calzada, cunha separación do estacionamento mediante delimitadores de caucho reciclado. Debido a que será necesario realizar un movemento de terras para gañar espazo suficiente, construirase un muro de contención para que se sosteña o terreo.

Durante a visita, o alcalde de Vedra demandou dúas actuacións referidas á mellora da seguridade peonil. Por unha banda, a continuación da senda da DP 8901, que baixa ata o río Ulla e dá acceso ao campo onde se celebra a popular Festa do Viño. Así mesmo, tamén expuxo a posibilidade de construír un novo tramo na DP 1202 que conecte os núcleos de Trobe e Vedra. O presidente comprometeuse a someter estas peticións á avaliación técnica do departamento de Vías e Obras.

Os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que se prevé que estean rematados a principios de novembro.