Estás en:Novas

A Deputación destaca nunha visita a Porto-Muíños a importancia dos Premios PEL como recoñecemento á actividade empresarial innovadora

A deputada de Emprego visitou a factoría da empresa en Cerceda, onde tivo ocasión de coñecer todo o proceso produtivo previo á comercialización de algas

Porto-Muíños foi gañadora dos Premios PEL en 2017, na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada

O prazo de presentación de candidaturas aos PEL 2024 está aberto ata o 18 de xuño. As empresas gañadoras recibirán 72.000 euros en premios

A Deputación destaca nunha visita a Porto-Muíños a importancia dos Premios PEL como recoñecemento á actividade empresarial innovadora

A deputada responsable da área Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou as instalacións da empresa cercedense Porto-Muíños, especializada no tratamento e comercialización de algas mariñas cultivadas ou colleitadas nas nosas costas.

A deputada tivo ocasión de coñecer de primeira man todo o proceso de tratamento das algas, dende a súa recollida ata a súa comercialización, así como de charlar co equipo de I+D, na procura continua de novos produtos e innovacións. A deputada salientou "o importante labor que esta empresa está a realizar polo rural, xerando novos postos de traballo e proporcionando oportunidades laborais de calidade".

Actualmente esta empresa familiar traballa 32 variedades de algas, a meirande parte delas deshidratadas, aínda que a venda de frescas prosegue en ascenso. En Europa xa se están a abrir oco nas grandes superficies, en froiterías especializadas e en tendas ecolóxicas polos seus valores nutritivos.

Rosa María Mirás, xerente de Porto-Muíños, e Antonio Muíños, fundador da empresa, explicaron os folgos que no seu día lle insuflaron os Premios PEL, gañando na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada da provincia no ano 2017. "Estes premios supuxeron unha axuda para implantar unha filosofía de traballo, para valorar a importancia do traballo en equipo", afirmou Muíños.

Premios PEL

Actualmente está aberto o prazo de presentación de candidaturas á sexta edición dos Premios do Plan de Emprego Local, que este ano premiará as iniciativas transformadoras da provincia, como recoñecemento ás entidades que as desenvolven, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, promovendo a cultura emprendedora e potenciando o rural. As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 18.000 euros. As categorías convocadas este ano son as seguintes:

1ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora nova. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2023 ou 2024.

2ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora consolidada. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2019 ou con anterioridade.

3ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa verde. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clusters empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e/o o uso eficiente dos recursos.

CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: premio á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación previa de candidaturas.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma SUBTeL, na convocatoria PEL-EPR PREMIO 2024.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 18 de xuño de 2024 ás 14.00 horas.

Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP, así como demais información, na páxina web dos Premios PEL: pel.gal/premio