Estás en:Novas

Formoso recoñece “o labor fundamental dos médicos rurais” no 30º Congreso Nacional de Medicina General y de Familia

O presidente da Deputación entregou un dos premios de SEMG-ASOMEGA ao doutor, José Manuel Lage Parente, impulsor do Museo Médico Rural de Maceda (Ourense)

Formoso recoñece “o labor fundamental dos médicos rurais” no 30º Congreso Nacional de Medicina General y de Familia

Formoso entregou o premio ao doutor Lage Parente, impulsor do Museo Médico Rural de Maceda (Ourense)

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto á presidenta da Sociedade Española de Medicina General (SEMG), Pilar Rodríguez Ledo, entregou hoxe un dos premios-bolsa de Medicina Rural outorgados por SEMG-ASOMEGA no marco do 30º Congreso Nacional de Medicina General y de Familia que se celebra na Coruña e que reúne na cidade herculina a preto de 2.500 profesionais de todo o Estado.

O galardón recoñece ao doutor José Manuel Lage Parente como impulsor do Museo Médico Rural de Maceda (Ourense), o seu municipio natal e onde exerceu a Medicina durante máis de catro décadas. O Museo contén máis de 2.000 pezas catalogadas, boa parte delas instrumental médico e cirúrxico.

"Eu estiven alí e paga a pena coñecelo. É un repaso histórico á evolución da Medicina no rural durante o século XX", afirmou Formoso, que incidiu na idea de que as deputacións deberán promover iniciativas como esta para "honrar os médicos que durante tantos anos eran tamén amigos, veciños ou psicólogos e que vivían por e para os seus pacientes".

Formoso destacou "o labor fundamental dos médicos rurais", xa que a Atención Primaria é "un piar fundamental do sistema sanitario" e "a porta de entrada" ao mesmo polo que "debe funcionar correctamente para que tamén funcione a Medicina especializada e hospitalaria".