Estás en:Novas

A Deputación exerce de anfitrioa na chegada do bergantín ‘Morgenster’ á Coruña, dentro da ruta ‘Tall Ship Camiño Inglés’ que recrea a peregrinación medieval por mar

O deputado José Ramón Rioboo e o embaixador do Reino Unido en España, Hugh Elliott, recibiron aos 36 peregrinos que navegaron durante oito días desde a cidade británica de Fowey


Os peregrinos continuarán o camiño a pé ata Santiago, a onde teñen previsto chegar o xoves

A Deputación exerce de anfitrioa na chegada do bergantín ‘Morgenster’ á Coruña, dentro da ruta ‘Tall Ship Camiño Inglés’ que recrea a peregrinación medieval por mar

A Deputación da Coruña exerceu como anfitrioa na chegada do bergantín 'Morgenster', construído en Holanda en 1919, á cidade da Coruña. A embarcación atracou onte no porto coruñés como parte da ruta 'Tall Ship Camiño Inglés'. Esta ruta consiste nunha travesía marítima de oito días desde o porto inglés de Fowey, no condado de Cornualles, que recrea a viaxe que facían os peregrinos medievais para chegar a Santiago de Compostela.

José Ramón Rioboo, deputado provincial, e o embaixador do Reino Unido en España, Hugh Elliott, recibiron esta mañá a este grupo de 36 peregrinos que pertencen, na súa maioría, á Confraternity de St. James, unha asociación inglesa de amigos do Camiño con máis de 1.500 membros e que ten como fin promover a peregrinación a Santiago.

"A importantísima labor da Confraternity de St. James encaixa dentro da liña de traballo da Deputación, que acumula anos de iniciativas para incrementar o grao de coñecemento do Camiño Inglés en países como Reino Unido e Irlanda. Apostamos por recuperar e potenciar a tradición deste camiño xacobeo e mellorar as súas infraestruturas a sinalización coa instalación de códigos QR para que os peregrinos podan dispor de información no camiño", apunta Rioboo.

Rioboo e Elliott acompañaron ao grupo nos seus primeiros quilómetros de camiño cara Santiago desde a cidade da Coruña.

Á súa chegada ao porto coruñés, a tripulación aproveitou para coñecer a cidade a través dunha visita guiada organizada pola Deputación. Despois será o momento de iniciar a ruta a pé. O domingo a agrupación de peregrinos parará na capela de San Lorenzo, situada na aldea mesiense de Hospital de Bruma. A edificación abrirá as súas portas para celebrar unha cerimonia especial.

Xa o xoves 20 está prevista a chegada da agrupación de peregrinos á Catedral de Santiago. No espazo relixioso, gozarán dunha misa con botafumeiro por cortesía da Deputación provincial, que ofrece este detalle dentro do seu plan de traballo de promoción conxunta do Camiño Inglés.