Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa en París no Día de España en Eurosatory, a maior feira de seguridade e defensa de Europa

O presidente Valentín González Formoso participou no acto xunto á secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, o embaixador de España en Francia e directivos de máis de corenta empresas nacionais do sector

Formoso interesouse polos proxectos de empresas con importante presenza en Galicia como Navantia e Urovesa e activou contactos con outras multinacionais da industria para posibles investimentos na provincia

A Deputación da Coruña participa en París no Día de España en Eurosatory, a maior feira de seguridade e defensa de Europa

Formoso participou nos actos do Día de España en Eurosatory xunto á secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, e o embaixador de España en Francia, Victorio Redondo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este martes en París en Eurosatory, a maior feira de seguridade e defensa de Europa, que durante estes días congrega na capital francesa a máis de 2.000 empresas do sector procedentes de 62 países do mundo.

Durante a xornada, Formoso interesouse polos proxectos, produtos e tecnoloxía que empresas galegas ou con importante presencia en Galicia como Navantia, Urovesa e Marine Instruments desenvolven e promocionan en Eurosatory e activou contactos con algunhas das empresas máis puxantes da industria a nivel internacional para posibles investimentos na provincia ou acordos con empresas do noso país.

Xunto á secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, o embaixador de España en Francia, Victorio Redondo Baldrich, o presidente e os portavoces da comisión de Defensa no Congreso, e representantes doutras institucións públicas españolas e das principais empresas do sector a nivel estatal, Formoso participou na inauguración do Día de España en Eurosatory, que ten por obxecto contribuír a visibilizar "la importancia estratégica de nuestro país en el sector como octavo exportador mundial en la industria de defensa", afirmou a secretaria de Estado.

Reunións con Navantia e Urovesa

Durante a xornada, o presidente da Deputación visitou xunto ao presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, o stand da compañía e interesouse polas novidades tecnolóxicas que presenta na feira, tanto para acción terrestre como marítima.

Tamén mantivo un encontro con Justo Sierra, CEO da compañía galega Urovesa, que presentou en Eurosatory o seu novo vehículo blindado Vamtac Pitón, deseñado para unidades de defensa RBQ (radiolóxica, biolóxica e química), froito de ano e medio de investigación e traballo en colaboración co Ministerio de Defensa de España.

O presidente provincial visitou os stands doutras empresas españolas que participan na feira na capital francesa como Marine Instruments, con sede en Nigrán, desde onde desenvolve tecnoloxía de vangarda con aplicacións na defensa marítima, máis tamén para a pesca sustentable, con dispositivos como boias para a pesca de bonito, que teñen presenza xa en máis de 30 países do mundo.

Formoso destacou "o elevado nivel tecnolóxico das nosas empresas, que nos permite competir a nivel global con produtos de vangarda que contan con interesantes aplicacións a nivel civil e militar".

Durante a xornada, o presidente realizou tamén contactos con algunhas da das principais empresas multinacionais do sector da defensa e a seguridade, que desenvolven tamén aplicacións tecnolóxicas a nivel civil para posibles investimentos na provincia ou colaboracións con empresas nacionais con sede en Galicia.