O Conservatorio Profesional de Danza clausura o presente curso no Teatro Colón co espectáculo ‘Kalatiki’
A representación terá lugar este mércores, 19 de xuño, e o xoves, 20 de xuño, ás 20:30 horas
O alumnado interpretará un total de 14 pezas de baile a través das que se narra unha viaxe pola océano, convidando ao público a abrir os ollos á imaxinación
![O Conservatorio Profesional de Danza clausura o presente curso no Teatro Colón co espectáculo ‘Kalatiki’](/files/cache/ca0e1c4ea598619408c4d9ee65cdd4e4_f66047.jpg)
O curso académico 2023-2024 chega á súa fin para o Conservatorio Profesional de Danza, que clausurará estes meses de aprendizaxe representando no Teatro Colón da Coruña o seu espectáculo 'Kalatiki'.
O acto de clausura contará con dúas mostras de baile que se celebrarán hoxe e mañá, 19 e 20 de xuño, ás 20:30 horas.
Durante a representación, o alumnado interpretará un total de 14 cancións a través das cales, cos seus movementos e xestos, narran a historia dos habitantes de Kalatiki, que desde un punto descoñecido emprenden a súa viaxe en busca do tesouro.
Alumnos e alumnas, da man dun gran equipo docente, escenifican no seu particular caderno de bitácora como atravesaron os océanos ata chegar ao Atlántico e contemplar, ao fondo, A Coruña, onde convidan ao público a abrir os ollos á imaxinación e deixarse levar pola música.