Estás en:Novas

A Coruña acolle este sábado a feira Primavera no Camiño Inglés

A Deputación reúne nos Xardíns de Méndez Núñez aos 18 concellos polos que discorre o Camiño Inglés

A iniciativa contempla un amplo programa de actividades dirixido a todas as idades cunha interesante oferta gastronómica, cultural e lúdica

A Coruña acolle este sábado a feira Primavera no Camiño Inglés

A cidade da Coruña acolle mañá sábado, 22 de xuño, unha nova edición da feira Primavera no Camiño Inglés, que volverá a reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Asociación de Concellos do Camiño e a Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Unha gran carpa situada nos Xardíns de Méndez Núñez acollerá os 18 postos nos que os municipios polos que pasa o Camiño (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, as vieiras da confraría de Barallobre ou os queixos do Eume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.

O evento será inaugurado ás 13.00 horas polo alcalde de Pontedeume, deputado provincial e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández, e polo deputado Antonio Leira Piñeiro.

ESPAZO INSTITUCIONAL E FEIRA - Escenario Primavera

As actividades no espazo da feira turística comezarán ás 11.45 coa actuación da Banda Xuvenil Airiños de Fene, do Concello de Fene. Sobre as 12.00 horas comezará o acto de apertura institucional da 7ª edición do Primavera no Camiño Inglés.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, este escenario acollerá a actuación musical a cargo do grupo Arnela do Concello de Carral, á que lle seguirá a AFC Orballo "pola tradición do Camiño Inglés", do Concello de Pontedeume. Por último, ás 19:30 horas, a Rondalla Bohemios, do Concello de Ferrol, pechará os concertos deste escenario.

ESPAZO GASTRONÓMICO E MERCADO ARTESANAL – Escenario Rede Stelar

Un dos eventos máis agardados será o mercado artesanal, onde se poderán contemplar os traballos dos ourives en directo. Durante toda a xornada, de 11.00 a 20.00 horas, o MERCADO STELAR, a cargo de empresas artesanais e locais, ofrecerá aos visitantes as súas creacións. Como actividade destacada, ás 11.30 h comezará a actividade dos Ourives do Concello de Santiago de Compostela.

Por outra banda, o espazo gastronómico deleitará aos comensais cos mellores produtos da provincia. Durante toda a xornada (11.00h a 20.00h) os visitantes poderán gozar do GASTROBAR, cunha ampla oferta gastronómica de produtos de proximidade a cargo de A Artesa da Moza Crecha.

Destacan, entre outras actividades, o "Cociñado da vieira" da Confraría de Barallobre, do Concello de Fene, ás 11.45 horas, ou a "degustación de queixos e requeixo" por parte do Concello de Pontedeume ás 12:30 horas. A cociña continuará co showcooking do restaurante Brasa de Beche, do Concello de Abegondo (13.45h - 15.00h). Sobre as 19.00 h comezará o seguinte showcooking coa "Cociña coa Rede Stelar" con A Artesa da Moza Crecha.

Haberá tempo tamén para o humor co monólogo e improvisación teatral "Improdepor", cos actores Roi da Costa e Xavier Veiras. Será a partir das 16.00 horas.

A fotografía e o deporte terán tamén un oco na Primavera no Camiño coa presentación dos gañadores do IV Concurso de Fotografía Dixital do Camiño Inglés e Presentación da III e a Media Maratón e 10k do Camiño Inglés - Rede Stelar.

Os máis pequenos e pequenas tamén gozarán de espazo propio para coñecer os atractivos do Camiño Inglés. Será no ESPAZO LÚDICO PRIMAVERA. Desde as 11.00 horas e ata as 19.00 horas, as crianzas poderán gozar da arte en directo coa artista Nana, do Concello de Ordes. Sobre as 16.00 horas comezará o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga, do Concello de Mesía, e desde as 18.00 h ata as 20.00 horas o público infantil poderá participar no obradoiro infantil de chapas do Concello de Culleredo.