Estás en:Novas

Santiago inaugura a rehabilitada Casa das Máquinas, na que a Deputación investiu máis de 200.000 euros

A execución total do proxecto contou cun investimento de máis de 400.000 euros, dos que a entidade provincial achegou 201.000 euros

O edificio é un exemplo de arquitectura industrial e un dos elementos modernistas de maior valor patrimonial da cidade

Santiago inaugura a rehabilitada Casa das Máquinas, na que a Deputación investiu máis de 200.000 euros

A deputada Mar García Vidal participou no acto inaugural xunto á alcaldesa, Goretti Sanmartín

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, e o deputado de Patrimonio Xosé Lois Penas, asistiron esta mañá en Santiago ao acto de inauguración da Casa das Máquinas, xunto coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, e outras autoridades logo de rematar os traballos de rehabilitación e accesibilidade realizados no inmoble.

Comprobaron de primeira man o resultado da colaboración da entidade provincial xunto co Concello de Santiago, nun edificio que é todo un exemplo de arquitectura industrial e un dos principais elementos modernistas de maior valor patrimonial da cidade.

A deputada provincial, Mar García, subliñou "a importancia da colaboración entre as administracións para levar a cabo proxectos coma este, que poñen en valor un dos elementos patrimoniais máis importantes na capital galega".

García quixo destacar o uso que se lle vai dar a esta instalación, posto que "servirá aos intereses dos veciños e dos centros de ensino da zona, creando un espazo polivalente de carácter social para levar a cabo distintas actividades".

Para levar a cabo esta execución investíronse un total de 415.000 euros, divididos en dúas fases de execución, dos que a entidade provincial achegou 201.000 euros.

Durante a primeira fase das obras limpáronse e recuperáronse os muros, co saneamento das xuntas e a pedra, así como a recuperación do enfuscado de morteiro de cal no interior do inmoble. Tamén se tapiaron os ocos de paso do cableado de entrada e substituíronse as cristaleiras de cristal opaco por un transparente que permite a entrada de luz natural.

En canto á cuberta, recuperouse e púxose o tellado, mantendo os formatos e a disposición previa. Estas tarefas forman parte da primeira fase para adaptar o edificio e convertelo nun centro de multiusos.

A Casa das Máquinas construíuse no ano 1919, co propósito de albergar un transformador eléctrico. Está catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, polo seu interese tipolóxico e arquitectónico.

A partir de agora, coa súa abertura, converterase nun espazo de uso polivalente a disposición da veciñanza do barrio das Galeras e os escolares dos centros educativos das inmediacións.