Formoso anima a preservar a figura e a literatura de Torrente Ballester cando se conmemoran 25 anos do seu pasamento
O presidente provincial participou en Ferrol na presentación do libro "Gonzalo Torrente Ballester, biografía dun ferrolán", editado pola Deputación da Coruña e o Concello
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, invitou hoxe en Ferrol a lembrar a figura de Torrente Ballester e a preservar a súa literatura. Durante a presentación de "Gonzalo Torrente Ballester, biografía dun ferrolán", cando se cumpren 25 anos do seu falecemento, Formoso salientou a importancia de que a cidade siga homenaxeando a un dos seus máis ilustres escritores, "o cal fala moi ben de Ferrol e da súa xente".
Recordou, nese senso, que a Deputación da Coruña mantén dende hai xa 36 anos o premio literario que leva o nome do autor nacido en Serantes, porque, asegurou, "é unha obriga das administracións velar pola cultura".
O volume, escrito por José Antonio Ponte Far e editado pola Deputación e o Concello de Ferrol, distribuirase entre entidades veciñais e culturais e servirá tamén como regalo institucional. O seu obxectivo, explicou o autor e concelleiro, é dar a coñecer ás novas xeracións ao escritor e á persoa.
No acto, que se celebrou no pazo municipal ferrolán, participaron, ademais de Valentín González Formoso e Ponte Far, o alcalde, José Manuel Rey; a filla do escritor e vicepresidenta da fundación que leva o nome do seu pai, Marisa Torrente, e a directora cultural da entidade, Carmen Becerra.
O presidente provincial pechou a súa intervención parafraseando ao escritor, quen dixo que as cousas importantes "só desaparecen cando se deixa de crer nelas", e animou a todos os ferroláns e todas as ferrolás a non esquecer "xamais" a Torrente.