Estás en:Novas

Rosa Ana García reafirma o compromiso da Deputación da Coruña coa mellora da calidade do aire

A deputada de Medio Ambiente participou na inauguración do Iberian Meeting on Aerosol Science and Tecnology, que ten como obxectivo abordar a urxente necesidade de reducir a contaminación atmosférica

A Administración provincial colabora co congreso que organiza a UDC xunto ao grupo de Química Analítica Aplicada e o Instituto Universitario de Medio ambiente, e que se celebra na Coruña ata o venres

No marco das xornadas, a Deputación programa unha conferencia do xeólogo Xavier Querol Carceller, experto en polución atmosférica galardoado co Premio Nacional de Investigación sobre Recursos Naturais

Rosa Ana García reafirma o compromiso da Deputación da Coruña coa mellora da calidade do aire

A Deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, participou esta mañá na apertura da oitava edición do Iberian Meeting on Aerosol Science and Technology (RICTA 2024), que se celebra na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña (UDC) ata o venres.

Despois de cinco anos sen actividade, esta reunión internacional retómase co obxectivo de intercambiar coñecementos, opinións e experiencias no campo dos aerosois. Está organizada pola UDC, en colaboración co grupo de Química Analítica Aplicada (QANAP) e o Instituto Universitario de Medio Ambiente (IUMA), coa colaboración tamén da Deputación da Coruña.

Na súa intervención, García destacou a importancia de abordar a contaminación do aire "como unha ameaza crítica para a saúde e o clima". Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a polución atmosférica é unha das principais causas de enfermidades respiratorias e outros problemas saúde entre a poboación, e atribúense a ela numerosas mortes prematuras.

A pesar dos esforzos da Unión Europea para reducila, a Axencia Europea de Medio Ambiente asegura que o 96 % da poboación urbana está exposta a niveis de partículas finas superiores aos límites que marcan as directrices da OMS. Ademais, o Banco Mundial estima que os custos asociados á mala calidade do aire alcanzan o 4,5 % do PIB.

A deputada subliñou que as políticas para reducir a contaminación do aire "son esenciais non só para mellorar a saúde pública, senón tamén para mitigar o cambio climático".

A Deputación, consciente da súa responsabilidade na protección do medio ambiente, implícase naqueles proxectos sobre os parámetros avanzados de medida da calidade do aire segundo a nova directiva europea. No marco da RICTA, a Deputación organiza a Conferencia impartida polo xeólogo Xavier Querol Carceller, galardoado co Premio Nacional de Investigación sobre Recursos Naturais e experto na problemática da contaminación atmosférica.

En Galicia, un informe de Ecoloxistas en Acción revelou que o 78 % da poboación respirou aire prexudicial para a saúde en relación ao ozono. Segundo ese estudo, o problema afecta a case todo o territorio autonómico.

O obxectivo do Iberian Meeting on Aerosol Science and Technology é abordar a urxente necesidade de reducir a contaminación na UE mediante mellores observacións da calidade do aire, apoiando así unha avaliación avanzada das políticas nesa dirección. O proxecto RI-URBANS combinará coñecementos de vangarda e técnicas innovadoras para mellorar a capacidade das redes de vixilancia e apoiar a toma de decisións dos xestores de calidade do aire.

Avaliaranse novos parámetros de calidade do aire e os seus efectos sobre a saúde, demostrando o valor engadido da aplicación de novas ferramentas de servizo. Estes novos parámetros non só proporcionarán datos para futuras análises epidemiolóxicas, senón que tamén facilitarán unha avaliación avanzada da calidade do aire e a implementación de políticas efectivas.

A participación de novos doutorados en RICTA 2024 é crucial, xa que representan o futuro da ciencia e a investigación en aerosois. Durante os tres días do evento, levaranse a cabo conferencias, talleres e discusións sobre diversos aspectos da ciencia de aerosois, desde os mecanismos de formación de aerosois ata os seus efectos na saúde.