A Deputación da Coruña apoia a Alcer coa edición dunha guía de nutrición para persoas con enfermidade renal
A deputada de Política Social, Mar García, entregou os exemplares ao presidente da entidade, Rafael Rodríguez, e ao secretario, Alfredo Saborido, que avanzaron que se distribuirán "por toda Galicia"
A deputada de Política Social, Mar García, fixo entrega esta mañá a Alcer Galicia de 200 exemplares da guía nutricional para persoas con enfermidade renal que vén de editar a Deputación da Coruña. A administración provincial cumpre así o compromiso adquirido coa entidade para difundir entre os afectados por este tipo de doenzas hábitos de alimentación que axuden a mellorar a súa calidade de vida.
García achegouse á sede da entidade, en Santiago, onde mantivo unha reunión co seu presidente, Rafael Rodríguez, e co secretario, Alfredo Saborido. O encontro serviu para "coñecer de primeira man a situación de Alcer" e do colectivo ao que presta servizo, explicou García. "Temos a obriga moral e tamén económica de colaborar coas entidades sociosanitarias", asegurou tras o encontro.
Tamén avanzou a próxima convocatoria de axudas da Deputación en réxime de concorrencia competitiva "para que as entidades poidan presentar a elas os seus programas, cos que axudan a mellorar os coidados dos pacientes e as familias".
Pola súa banda, Rafael Rodríguez agradeceu que o apoio da Deputación servira para poder editar unha guía que vai posibilitar que os doentes "teñan mellor calidade vida, porque o seu tratamento depende tamén do que coman". O presidente de Alcer destacou que todas as receitas que contén a publicación "están feitas por profesionais". A guía, explicou, vaise distribuír "por toda Galicia" e vai facilitar que as persoas con enfermidade renal "teñan a oportunidade de nutrirse mellor e ter un mellor proxecto de vida".