Formoso ve clave a colaboración entre as administracións para cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable
O presidente provincial participou na presentación do "Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia", que conta coa colaboración da Deputación
Recordou que as metas que se marca a Axenda 2030 das Nacións Unidas buscan un equilibrio entre sustentabilidade e progreso
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe en Santiago a colaboración entre todas as administracións públicas como un aspecto clave para lograr os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU.
Durante a presentación do "Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia", que tivo lugar na Casa RIA, Formoso recordou que a finalidade dos ODS é marcar un rumbo para a sustentabilidade e o progreso, polo que invitou a buscar un equilibrio entre ambos propósitos.
O presidente provincial aplaudiu o Atlas como "unha boa ferramenta", útil tanto para o eido público como para o privado, e agradeceu que conteña unha "análise prudente" da situación dos ODS nas cidades galegas. Destacou tamén a necesidade de dispor de indicadores e de interpretalos para comprobar "se estamos no bo camiño" e felicitou ao equipo responsable da iniciativa por incorporar nesta segunda edición do estudo factores socioeconómicos que amplían a visión respecto da primeira publicación.
Formoso invitou tamén a continuar con ese traballo e incluír en vindeiras edicións perspectivas complementarias á local, xa que moitos dos indicadores que recolle o estudo transcenden ás competencias municipais, como poden ser a sinistralidade laboral ou o saneamento, un aspecto este último no que as entidades locais "si teñen competencias, pero necesitan da colaboración doutras administracións". Sinalou, tamén, que en outras ocasións dáse a situación contraria, cando a Administración autonómica ou estatal precisa de colaboración da local para desenvolver determinadas políticas ou proxectos.
"Para poder cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable non chega co labor municipal. É necesaria a acción autonómica e estatal", concluíu.
Concordou con el a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que tamén participou na presentación e que subliñou a necesidade de "impulsar a coordinación" entre as administracións e que "Galicia ten que ser ambiciosa nos obxectivos de desenvolvemento sustentable".
O "Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia" está promovido por Economía Digital Galicia e conta entre os seus colaboradores coa Deputación da Coruña. Julián Rodríguez, director do medio de comunicación, destacou que a publicación é froito "dun ano de traballo" e que o que pretende é afondar no grao de cumprimento dos ODS nas sete cidades galegas. Na presentación participou tamén Xosé Gabriel Vázquez, sociólogo e profesor da Universidade da Coruña que dirixiu o estudo.