Estás en:Novas

A Deputación reivindica A Coruña como “unha provincia orgullosa e diversa” e mostra a súa preocupación polo aumento de agresións ás persoas LGTBI+

O pleno da institución provincial realiza unha declaración institucional coincidindo co Día do Orgullo

PSdeG-PSOE, BNG, PP e Alternativa dos Veciños acordan actualizar o protocolo fronte ao acoso da institución provincial engadindo o acoso por razón de orientación sexual, identidade sexual, identidade e expresión de xénero

A Deputación reivindica A Coruña como “unha provincia orgullosa e diversa” e mostra a súa preocupación polo aumento de agresións ás persoas LGTBI+

A Deputación da Coruña reivindicou a provincia como unha terra "orgullosa e diversa" e amosou a súa preocupación polo aumento de agresións ás persoas LGTBI+. Fíxoo no Pleno Extraordinario celebrado hoxe na sede da institución provincial coa aprobación dunha declaración institucional asinada por PSdeG-PSOE, BNG, PP e Alternativa dos Veciños, coincidindo co Día do Orgullo LGTBI+ do ano 2024.

"Vemos con preocupación como nos últimos anos se produce un incremento nas agresións LGBTlfóbicas, verbais e físicas, que son a máxima representación da discriminación que sofren as persoas LGBTI+", recoñecen as agrupacións políticas no texto, antes de destacar que "aínda queda moito traballo por facer para garantir o dereito a vivir de forma libre e igual independentemente".

Por iso, a Deputación defende A Coruña "como unha provincia orgullosa, diversa e segura para que todas as persoas poidamos ser libres en todos os ámbitos das nosas vidas, onde todas as persoas que viven, traballan, estudan ou nos visitan, sintan tamén que todos e cada un dos concellos da Coruña son lugares onde poder ser quen, queremos ser sen ningún tipo de limitación", expresa a declaración.

Ante este contexto, os grupos acordaron non só apoiar as mobilizacións LGTBI+ de hoxe, senón "actualizar o protocolo fronte ao acoso da Deputación da Coruña, engadindo segundo a lexislación vixente, o acoso por razón de orientación sexual, identidade sexual, identidade e expresión de xénero".

Ademais, a Deputación tamén "avanzará" na formación interna e nos protocolos e formularios para "garantir un acceso igualitario e libre de discriminacións aos servizos públicos da institución provincial para todas as persoas", ademais de "garantir unha perspectiva transversal ao goberno dos dereitos LGTBI+" e manter a liña do Congreso Memoria Diversa para "recuperar e poñer en valor a memoria LGBTI+ na provincia da Coruña".

Convén lembrar que, con motivo do Día do Orgullo LGTBI+, a Deputación da Coruña puxo en marcha a sétima edición da campaña de sensibilización "Liberdade de ser e sentir", que inclúe obradoiros, obras de teatro, material divulgativo e un punto de información que se instalará mañá na coruñesa praza de Lugo, de 11 a 15 h.