Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe a visita da “Flotilla da Liberdade”

Máis dunha quincena de tripulantes do buque Handala, que viaxa a Gaza para denunciar o xenocidio do pobo palestino, estiveron esta mañá no salón de plenos da entidade provincial

O vicepresidente, Xosé Regueira, doulles a benvida, acompañado da deputada de dereitos civís, Soledad Agra, e da portavoz do BNG, Avia Veira

A Deputación da Coruña recibe a visita da “Flotilla da Liberdade”

A Deputación acolleu esta mañá a visita oficial da Flotilla da Liberdade, que chegou este xoves á Coruña na súa viaxe a bordo do buque Handala con destino a Gaza para denunciar o xenocidio de Israel en Palestina. O vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra e a portavoz do BNG, Avia Veira, recibiron a máis dunha quincena de tripulantes no salón de plenos da entidade provincial.

Xosé Regueira doulles a benvida "a unha cidade de persoas que loitaron pola liberdade contra as tropas invasoras" e "a un país, que foi o primeiro reino europeo e que coñece moi ben os procesos de colonización". "En Galiza sabemos moito sobre exilio e emigración, e entendemos moi ben a loita do pobo palestino", engadiu.

O vicepresidente amosou o seu "contento" pola visita da flota "a unha institución que envía todo o ánimo, o alento e solidariedade ao pobo palestino" e agradeceu o seu labor, "loitando todos días pola paz e a xustiza, ante a barbarie e o terror que están a sufrir a uns quilómetros de aquí".

Dende o comité galego da flotilla agradeceron á Deputación por "darnos a voz" e polo apoio, e destacaron a importancia de "garantir a seguridade para frear o xenocidio de Gaza". Fixeron fincapé, ademais, na súa misión: "denunciar e acompañar ao pobo palestino".

Os integrantes da flotilla sumáronse ao agradecemento e resaltaron que é "un pracer estar aquí, como o movemento que somos no que acollemos a asociacións de todo o mundo". Tamén se referiron ao seu traballo de axuda humanitaria, e tamén de denuncia "o xenocidio de Gaza debe parar".

Os dous tripulantes palestinos, Youssef Samour e Rana Hamida, tamén tiveron a palabra, onde agradeceron de novo o apoio da Deputación, e pediron a cooperación de todas as institucións para denunciar a situación do pobo palestino.