A Deputación financia a actividade do Clúster do Audiovisual Galego co obxectivo de consolidar á provincia como referencia nacional e internacional no sector
O convenio, que firmaron esta mañá o presidente da Deputación e o do Clúster, inclúe unha achega de case 245.000 euros para, entre outras accións, apoiar a presenza e promoción do audiovisual en eventos como o Festival de San Sebastián ou o certame Mundos Digitales
Valentín González Formoso destacou que o audiovisual é un sector estratéxico para provincia, polo que a Deputación está a facer unha aposta firme para apoiar o seu crecemento
A Deputación da Coruña financiará con 244.647,65 euros a actividade do Clúster do Audiovisual Galego (CLAG), como xeito de contribuír á consolidación da provincia e de Galicia como referencia nacional e internacional no sector. O convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades foi asinado hoxe na sede provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente do Clúster, Alfonso Blanco, nun acto que contou coa presenza da deputada de Industria e Empresa, Rosa Ana García.
Formoso destacou que o audiovisual está en constante crecemento en Galicia e que se trata dun sector estratéxico, especialmente na provincia. De aí o firme apoio da institución provincial, que ten o seu maior fito no proxecto Coruña Estudo Inmersivo.
O acordo entre a Deputación e o Clúster establece un financiamento do 89 % do custo de actividades que desenvolva a entidade empresarial (da que forman parte medio centenar de compañías) desde o 1 de xuño deste ano ata o 31 de marzo do 2025. A colaboración xurde como un xeito de mobilizar recursos de forma conxunta para levar a cabo iniciativas que contribúan a impulsar o audiovisual galego nun momento crucial para a adaptación e a competitividade das empresas do sector con accións que favorezan a innovación, o acceso á mellor tecnoloxía posible e a captación de talento.
Así, o marco do convenio establece a promoción e a presenza do audiovisual galego en eventos como o Congreso Internacional de Animación VFX, VP y Nuevos Media, Mundos Digitales —que se desenvolverá na Coruña entre o 4 e o 6 de xullo—, o Festival Internacional de San Sebastián, o Mercado Internacional de Programas de Comunicación ou o evento 'I+P Ideas para Producir 2024'.
Ademais, financiaranse os custes de persoal cualificado para desenvolver unha formación en Produción Virtual con dúas edicións previstas (en outubro e o vindeiro febreiro), así como a elaboración de pezas audiovisuais para a promoción e difusión do plató virtual VPxR, situado na Cidade das TIC da Coruña.
O plató virtual na Cidade das TIC, unha instalación de vangarda
Neste sentido, cómpre lembrar que a Deputación da Coruña está a construír o maior plató virtual de España neste espazo, dentro do proxecto Coruña Estudo Inmersivo (CEI), ao que a institución provincial destina un total de 9 millóns de euros.
O proceso de construción do edificio sustentable está en marcha desde o pasado mes de febreiro, despois de ter sido adxudicado por algo máis de 2,5 millóns. As instalacións contarán coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual e servirán para mellorar a competitividade das empresas galegas do sector, ademais de atraer producións de cine, televisión e videoxogos procedentes de toda Europa.
Unha vez completadas as obras do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.
A este importante investimento de infraestruturas vangardistas a nivel internacional, que axudarán a atraer empresas e talento, únese agora o novo apoio ao sector a través da sinatura do convenio, un acordo de financiamento que contribuirá a consolidar a imaxe de Galicia e da Coruña tanto a nivel nacional como no exterior a través do audiovisual.