Estás en:Novas

A Deputación financia con 60.000 euros as actividades da Aula da Natureza e o Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

Deputación e Concello asinaron o convenio de colaboración, coa que a institución provincial dá soporte ao 73% destes custos durante o ano 2024

A Deputación financia con 60.000 euros as actividades da Aula da Natureza e o Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

A Deputación da Coruña achegará 60.000 euros á Aula de Natureza e Museo Etnográfico das Brañas de Valga de Mesía para financiar as actividades programadas do centro neste 2024. Así se establece no convenio asinado entre o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Mesía, Mariano Iglesias Castro, no que tamén participou a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

O orzamento calculado polos responsables do museo cifra en 81.766,15 euros o importe necesario para levar a cabo as actividades programadas este ano. Concretamente, este importe divídese entre os 65.412,92 derivados de gastos de persoal e os 16.353,23 euros de gastos correntes.

Grazas a este acordo, o Museo Etnográfico conta cunha monitora de tempo libre a xornada completa que organiza e realiza as visitas, prepara e realiza os obradoiros e exerce como apoio na educación ambiental e turística, ademais de ser a encargada de elaborar as fichas de ruta e de folletos de divulgación.

A maiores, o espazo contará con dous peóns de xardinería a xornada completa para as operacións de mantemento das zonas axardinadas da contorna da Aula-Museo, a recepción de material vexetal ou a execución de traballos básicos para a instalación de mobiliario de xardín.

Por outra banda, o espazo desenvolve actividades para grupos escolares e non escolares, ademais de proxeccións, un programa expositivo permanente e outro temporal e charlas, conferencias e xornadas de portas abertas.

A Aula de Natureza e Museo Etnográfico púxose en marcha no ano 2009, despois de que no ano 2000 arrincase un proxecto financiado pola Deputación da Coruña para recuperar e valorizar un espazo que foi unha telleira e estaba abandonada desde os anos 70 do século pasado. A instalación conta cunha grande exposición de cerámica tradicional e dispón dun centro de interpretación da arxila, unha aula taller sobre a arxila, a fauna e a flora da contorna ou unha exposición sobre o medio natural das Brañas.