Estás en:Novas

Formoso visita a sede central de Televés en Santiago

O presidente da Deputación da Coruña destacou a importancia de contar con empresas "que traballan desde Galicia para todo o mundo" e "apostan por reter aquí o talento que se forma nas universidades galegas"

Formoso destaca a aposta pola "diversificación e innovación tecnolóxica" da compañía, con presenza en 100 países arredor do mundo

Formoso visita a sede central de Televés en Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a sede central de Televés en Santiago de Compostela. Formoso, acompañado da deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, foi recibido polo CEO de Televés Corporación, Santiago Rey Requejo, o secretario xeral corporativo, Jorge Lorenzo, e do director de desenvolvemento de novas liñas de negocio, Iván Rodríguez Dorado, cos que percorreu as instalacións da compañía, referente en telecomunicacións e tecnoloxía.

"Esta visita é imprescindible na provincia da Coruña porque queda acreditado que Televés é un gran contedor de coñecemento e unha ferramenta de retención do talento galego. A súa diversificación e aposta pola innovación tecnolóxica fan que poida existir optimismo na economía galega", asegurou o presidente, que quixo agradecer "a insistencia" da empresa "por manterse en Galicia desde que se fundou".

Para Formoso, empresas como Televés permiten que a potencia industrial galega medre ata conseguir que o seu peso no PIB alcance o 20%, "como recomenda a Unión Europea".

Neste sentido, o dirixente provincial destacou que a aposta da compañía permite "reter o talento da xente moza que se forma nas universidades públicas galegas, cun custo importante para a sociedade". "Isto axuda a afastar o fracaso social que significa ver como un rapaz ou unha rapaza formado nun centro público galego ten que emigrar a Inglaterra, Alemaña ou Estados Unidos para poder desenvolver a súa carreira profesional", engadiu.

Pola súa banda, Santiago Rey, CEO de Televés Corporación, definiu os actuais proxectos da compañía, que pasan pola "diversificación arredor das infraestruturas de comunicacións de edificios e fogares". Dentro de esa planificación caben temáticas diversas como "a aposta pola ultra alta definición e a radio dixital", " a dixitalización dos fogares e as residencias de maiores coa busca de captación de información non invasiva" ou a "iluminación conectada". Ademais, Rey anunciou que os plans de futuro de Televés pasan polo eido da microelectrónica: "Atopámonos na fase de desenvolvemento do produto".

Televés naceu hai case 60 anos en Santiago de Compostela e na actualidade a Corporación Televés conta cunha vintena de firmas e filiais en tres continentes. A súa orixe estivo vinculada á fabricación de antenas de televisión, pero ao longo da súa traxectoria foi ampliando e diversificando o seu negocio ata converterse nunha empresa tecnolóxica que ofrece produtos relacionados coas telecomunicacións, a iluminación, os servizos audiovisuais ou as solucións para o sector sociosanitario.