Estás en:Novas

A selección feminina de fútbol volve a Riazor para o España-Bélxica co apoio da Deputación da Coruña

A selección feminina de fútbol volve a Riazor para o España-Bélxica co apoio da Deputación da Coruña

A selección feminina de fútbol regresa a Riazor para disputar o España-Bélxica o vindeiro martes 16 de xullo, ás 19.00 horas.

O encontro foi presentado esta mañá no estadio municipal de Riazor nun acto que contou coa participación da alcaldesa, Inés Rey, o deputado de Deportes, Antonio Leira, os concelleiros Manuel Vázquez e Gonzalo Castro, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a conselleira do RC Deportivo, Michelle Clemente, entre outros.

Durante a súa intervención, Leira felicitouse de que "a selección feminina, vixente campioa no mundo, regrese a Riazor para disputar este encontro que xa está levantando unha gran expectación en toda a provincia, tras o éxito do último partido da selección que se xogou en Riazor ante máis de 10.000 espectadores".

O deputado destacou "a aposta da Deputación polo deporte feminino en todos os niveis e disciplinas deportivas" e mostrouse convencido de que "teremos unha estupenda noite de fútbol na cidade".
"A Coruña sempre foi unha cidade pioneira no fútbol feminino, comezando coa figura de Irene Gonzalez Basanta e continuando con aquel histórico Karbo e o noso querido Dépor ABANCA, que este 2024 volve á elite", apuntou a alcaldesa, que rememorou o partido que enfrontou a España e Azerbaiyán en Riazor no ano 2019 e que supuxo o récord de asistencia nun encontro feminino no país. "Non se me ocorre mellor momento para recibir a segunda visita da selección, nun estadio que neste 2024 deunos moitas alegrías aos coruñeses e coruñesas", sinalou Rey.

España regresará á cidade como o mellor equipo do ránking FIFA e tras conseguir o Mundial 2023 e a Copa de Nacións 2024. Será o último partido de clasificación para a Eurocopa 2025, para a cal o equipo dirixido por Montse Tomé xa está clasificada e celebrarase dúas semanas antes do debut da selección feminina nos Xogos Olímpicos de París. "Esperamos que A Coruña sexa talismán e a próxima visita de España a Riazor poidamos falar dunha selección campioa olímpica ou de Europa", dixo Inés Rey.

As entradas para o partido, que se puxeron á venda este venres, terán un prezo de 10 a 15 euros e contarán con descontos especiais de ata un 20% para as persoas que as merquen entre este venres e o próximo martes, 9 de xullo. Poderán adquirirse unicamente a través de tickets.rfef.es. Haberá entradas especiais para persoas con mobilidade reducida a un prezo de 10 euros que inclúe tamén o pase dunha persoa acompañante.

O encontro contará co sistema de narración para persoas cegas ideado polo coruñés Jesús Suárez co apoio do Concello e que a RFEF incorporou para os seus partidos.

Por outra banda, desde o luns 8 ao domingo 14 haberá unha exposición fotográfica da historia da selección feminina na contorna do Obelisco. Ademais, durante o venres 12 e sábado 13 instalarase na explanada do Palacio dos Deportes unha zona fan con actividades para todas as idades.