Estás en:Novas
ACTIVIDADES

"Experiencia Europa"

A exposición interactiva 'Experiencia Europa' de EUROPE DIRECT A Coruña chega o día 10 de xullo á Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña 

A Biblioteca acollerá a exposición interactiva itinerante "Experiencia Europa" no período do 10 de xullo ao 9 de setembro de 2024.

A actividade comezou a rodar en xaneiro pola provincia e visitará nove localidades ata o mes de outubro.
As persoas visitantes poderán explorar contidos informativos, xogos, vídeos, visitas virtuais e experiencias inmersivas que afondarán no coñecemento da Unión Europea e a súa influencia no día a día.

A Biblioteca da Deputación da Coruña acolle Experiencia Europa, unha exposición interactiva e itinerante que achegará a concellos da provincia o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital. A exposición estará na biblioteca, ubicada na cidade da Coruña, do 10 de xullo ata o 9 de setembro.


Esta mostra de EUROPE DIRECT A Coruña ten a transición dixital en Europa como eixo central e nela pódese experimentar a través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles. Dende elas, os e as visitantes poderán acceder a Espazo Europa, unha contorna virtual que mistura 3D e 4D na que se poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia.
Tamén haberá un espazo adicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros soportes.


A experiencia continúa na área "Aprende, visita, xoga e participa". Nela haberá un apartado adicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, no que a Unión Europea é pioneira na súa regulación e tamén visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.


Experiencia Europa tamén ofrece un recuncho interactivo no que os cidadáns e cidadás terán a oportunidade de contribuír coa súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea. O público poderá levar como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de intelixencia artificial que insire ao usuario en diferentes espazos.


A exposición complétase cunha mostra de vídeos realizados por EUROPE DIRECT A Coruña e que achegan información tanto xeral como especializada das oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea aos diferentes públicos.


Europa no teu Concello
Esta mostra itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 45 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade.


EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Tamén no enlace: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/experiencia-europa/