Formoso ofrece o apoio da Deputación para situar na Cros un Centro de Excelencia para a Competitividade en Economía Circular
O presidente provincial, na visita ás instalacións de CETIM en Culleredo, destacou a importancia de dar "todas as facilidades ás entidades e empresas que apostan pola innovación, a investigación e a tecnoloxía para seguir crecendo"
Lembra que hai un proxecto "enriba da mesa e aberto a todas as administracións" para que a Cros se converta na localización "dunha das entidades con máis futuro do ámbito da economía circular e da investigación científica"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as instalacións de CETIM Technological Centre, un dos sete centros tecnolóxicos de referencia en Galicia, situado no parque empresarial de Alvedro, no municipio de Culleredo. Formoso estivo acompañado polo alcalde do municipio e deputado de Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo; o director xeral do centro tecnolóxico, Toni Pons; a directora executiva, Lucía Camino; e o equipo de responsables e investigadores de I+D+i.
Durante a súa visita, o presidente ofreceu o apoio da Deputación da Coruña para colaborar co Concello de Culleredo e o CETIM na localización nas naves da antiga fábrica da Cros do Burgo dun Centro de Excelencia para a Competitividade da Economía Circular: "O CETIM vén experimentando un importante crecemento nos últimos anos que fai que este espazo se quede pequeno, pero xa hai enriba da mesa a solución: a antiga Cros, que é unha vella demanda da veciñanza". Formoso destacou que esta solución "está enriba da mesa e aberta á participación de todas as administracións, desde o goberno do Estado á Xunta de Galicia".
"É un proxecto liderado polo Concello de Culleredo, que conta co apoio da Deputación da Coruña para o seu financiamento e desenvolvemento", lembrou o presidente, que explicou que a execución dese proxecto sería un exemplo de como as administracións aportan "facilidades a entidades e empresas que apostan pola innovación, a investigación e a tecnoloxía para seguir medrando, dado o necesario papel que exercen na sociedade". Ademais, Formoso destacou que con esta actuación, "a Cros pode deixar de ser un problema estético para Culleredo e pase a ser a situación dunha das entidades máis prospectivas e con máis futuro no ámbito da economía circular e da investigación científica".
"É a nosa obriga como institución axudar a visualizar a labor que fan as empresas e entidades de investigación en distintas fórmulas en beneficio do progreso da sociedade. CETIM é un exemplo clarísimo diso, sobre todo tendo en conta cales son as prioridades da Unión Europea no ámbito da economía circular", matizou o presidente, que destacou tamén a contribución de centros coma este á retención no territorio do talento formado nas universidades galegas.
Pola súa banda, José Ramón Rioboo apuntou que "CETIM significa talento e todo ese talento pode estar concentrado nunhas naves emblemáticas á carón da Ría do Burgo, que vén a ser un exemplo de biodiversidade e encontro co medio ambiente".
"CETIM é economía circular e investigación. Polo tanto, ten o necesario para que unha fundación poida estar situada nas naves da Cros, que representan esa transformación que tivemos na sociedade de industrias contaminantes a outras que apostan por unha diminución da pegada de carbono", engadiu o alcalde. O rexedor recalcou que o goberno local "non renuncia a ese proxecto" e considerou que "aínda existen posibilidades de que se poñan de acordo todas as administracións para acadar un financiamento que xa había para facelo realidade", finalizou.
Mentres, Toni Pons, director xeral do centro tecnolóxico, explicou que "debido a nuestro gran crecimiento desde el inicio de nuestra actividad en I+D hace más de 10 años, necesitamos seguir aumentando nuestro equipamiento científico y nuestro talento, con la creación de empleo altamente cualificado, pero es muy complicado con el espacio que disponemos actualmente. En CETIM queremos quedarnos en Culleredo porque apostamos por esta localidad y queremos seguir impulsando la economía circular en nuestra región, posicionando a Galicia y a España a la vanguardia europea e internacional en sostenibilidad, la colaboración público-privada y la I+D+i; contribuyendo al crecimiento económico de Culleredo y convirtiéndolo en un Polo de Economía Circular de atracción de talento de alta cualificación".
O proxecto previsto para as antigas naves da Cros do Burgo, ademais, do Centro de I+D+i, ten previsto a construción de instalacións para actividades socioculturais municipais, un espazo de 'co-working' para empresas innovadoras e emprendedores no ámbito da sustentabilidade, salas de formación e divulgación, un auditorio e espazos exteriores de máis de 12.000 metros cadrados con zonas verdes axardinadas para esparexemento público.
Sobre CETIM
CETIM é un Centro Tecnolóxico privado, recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación, orientado a ofrecer servizos e a satisfacer as necesidades tecnolóxicas dos seus clientes e colaboradores, fomentando a innovación e a mellora da competitividade empresarial. Está especializado en aplicación de novas tecnoloxías, ofrecendo o seu coñecemento e servizos de maneira transversal a todos os sectores para achegar valor engadido.
CETIM desenvolve proxectos de investigación aplicada e innovación próxima ao mercado, contemplando todas as fases de xestión e de execución da innovación, desde o laboratorio até a execución práctica e pilotaxe preindustrial. Así mesmo, o Centro tamén presta servizos tecnolóxicos a un amplo rango de empresas e entidades. En calidade de centro multisectorial, CETIM traballa con todo tipo de sectores industriais e empresariais aos que poida achegar valor como o químico, bioquímico, enxeñarías, madeira e forestal, xestión de residuos, tratamento de augas residuais, construción, plástico e polímeros, automoción ou industria alimentaria, entre outros.
Todo iso, con base no seu tres principais áreas de actuación: Materiais Avanzados (que á súa vez se divide nas liñas de Materiais Lignocelulósicos, Materiais de Almacenamento Enerxético, Materiais Poliméricos, Coatings e Adhesivos, Materiais de Construción Sustentable), ECO BIO Tecnoloxías (Tratamentos de Augas e Aire, Biorrefinerías e Novas Cadeas de Valor e Análise de Sustentabilidade) e Industria Dixital (Sistemas Dixitais e Internet ofThings).
Actualmente, CETIM desenvolve máis de 60 proxectos de investigación e innovación con máis de 280 clientes e colaboradores a nivel nacional e internacional. Estes proxectos supoñen unha mobilización en I+D de máis de 200 millóns de euros.O seu equipo humano é un dos seus intanxibles máis prezados, O seu persoal, cun crecemento anual medio do 35% nos últimos anos está formada por químicos, enxeñeiros químicos, físicos, enxeñeiros informáticos, biólogos e ambientólogos,complementados con especialistas en dereito e economía. É un persoal multidisciplinar e altamente cualificado, que combina experiencia e dinamismo. O 24% do persoal son doutores e os 61% licenciados e enxeñeiros. Hoxe en día, máis de 80 persoas traballan cada día para impulsar proxectos referentes en I+D+i.