Estás en:Novas

Formoso asistiu á Asamblea Xeral da Confedereación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), que elixiu a Javier Guerra como presidente

O presidente da Deputación desexou sorte a Guerra nesta nova etapa para seguir impulsando "un sector estratéxico para Galicia, que achega o 13% do PIB da comunidade"

Formoso asistiu á Asamblea Xeral da Confedereación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), que elixiu a Javier Guerra como presidente

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe en Santiago á Asemblea Xeral de COINTEGA - Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia, que elixiu nova xunta directiva da entidade, presidida por Javier Guerra.

Formoso desexou sorte a Guerra nesta nova etapa á fronte da patronal do sector téxtil e destacou "a importancia de seguir potenciando un sector estratéxico para Galicia, que sostén 19.600 empregos, factura máis de 8.400 millóns de euros, o 13 % do PIB da comunidade autónoma", así como "atender os retos que se presentan en cuestións como a innovación e a internacionalización".

No encontro, no que se deron cita as 69 empresas asociadas, presentouse o Plan Estratéxico 2024-2027 da entidade, un documento que recolle un total de 18 iniciativas cuxos obxectivos son impulsar a innovación no téxtil, avanzar no camiño da sustentabilidade e lograr o crecemento internacional do sector.

Ademais, a patronal galega da téxtil busca que este documento se converta na folla de ruta para reforzar a cooperación sectorial e apostar polo talento e a formación.

O presidente da entidade, Javier Guerra, destacou que "temos que cambiar cada día, o noso produto ten que reconverterse constantemente e a sustentabilidade é un dos retos do sector".

Ademais, Javier Guerra defendeu que o téxtil forma parte da cultura galega e que por iso "debemos ser capaces de xerar vocacións empresariais, o sector da moda ten que ser atractivo para as persoas emprendedoras. Nesta nova etapa do Clúster temos que motivar aos máis novos para que iso xurda". Por outra banda, Guerra fixo fincapé na importancia de ir da man da educación: "soño con que Galicia sexa un polo de formación da industria téxtil a nivel mundial e exporémosllo ás autoridades".

O Plan Estratéxico2024-2027, o camiño para lograr un sector máis competitivo

O documento contempla o lanzamento dunha aceleradora para persoas emprendendoras, a Business Factory Moda, para crear novas empresas téxtiles orientadas aos mercados internacionais. As startups participantes recibirán formación e terán apoio financeiro.

O Plan Estratéxico inclúe tamén un programa de transformación dixital do sector para aumentar a produtividade e as vendas a través de internet. Do mesmo xeito, o documento aposta por iniciativas para que as empresas téxtiles implanten tecnoloxías de Industria 4.0.

Outra das iniciativas do documento é a creación dun Mapa de capacidades que permitirá identificar perfís profesionais e coñecer as necesidades formativas tecnolóxicas.A previsión é que até 2027 un total de 200 persoas se formen para novos postos.

A posta en marcha dun Centro compartido de servizos para as empresas do sector é outra das iniciativas. Este espazo ofrecerá, entre outros servizos, fotografía de produto; metaverso; corte automático; central de compras.

Ademais, o Plan busca mellorar a eficiencia loxística e reducir o seu impacto ambiental. Para iso, a patronal galega do téxtil impulsará proxectos colaborativos relacionados con centrais de compra, sistemas loxísticos integrados e compartición de cargas e fretes. COINTEGA aposta tamén por impulsar a sustentabilidade, para iso, o Plan contempla a creación dun espazo en liña de divulgación de novos materiais, a Materioteca téxtil. Neste sentido, realizaranse colaboracións coas universidades e cos centros de investigación para impulsar a investigación e aplicación de novos materiais. Outra das apostas é a creación dun selo de moda sustentable de Galicia.

O documento inclúe tamén un programa para mellorar a imaxe de marca das empresas do sector e axuda para detectar oportunidades de negocio internacional; así como a procura de apoio económico para acelerar os procesos de internacionalización.

Por outra banda, o documento contempla a aplicación de blockchaina á cadea de subministración, trátase dunha tecnoloxía que permite almacenar información de forma segura, deste xeito, as empresas téxtiles asegurarán a trazabilidade dos materiais e dos lugares de fabricación.

A venda preditiva forma parte do Plan Estratéxico; implantaranse sistemas para identificar novos clientes e incrementar as vendas. Tamén permitirá dispor de estimacións de vendas para evitar os stocks excedentes.

O investimento destinado ao Plan Estratéxico 2024 - 2027 supera os 16 millóns de euros. O 80% estará cofinanciado con fondos públicos.