Estás en:Novas

A Deputación presenta en Pontedeume a “Plataforma de recollida de datos turísticos da Comarca do Eume”

Esta iniciativa forma parte dunha das actuacións contempladas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume"

O acto, que contou coas intervencións do vicepresidente, Xosé Regueira, e do deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, acolleu a representantes dos concellos da comarca e empresas do sector

A Deputación presenta en Pontedeume a “Plataforma de recollida de datos turísticos da Comarca do Eume”

A Deputación presentou hoxe en Pontedeume a plataforma de recollida de datos turísticos da Comarca do Eume, que forma parte dunha actuación contemplada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O vicepresidente, Xosé Regueira, deu paso á presentación, trala benvida por parte do deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, a unha xornada na que tamén participaron representantes dos concellos da comarca: Emilio Riobó Piñón e Verónica Calvo Maroño, de A Capela; Elena López Seco (As Pontes); Fernando Couce Rodríguez (Cabanas) e Alberto Cortizas Rejo (Monfero).

A empresa Data Monitoring explicou os detalles da plataforma, que recollerá datos turísticos unificados e en tempo real sobre as persoas turistas e visitantes que chegan á comarca do Eume. Esta información permitiralle, tanto ás empresas como ás administracións públicas, adaptar a súa oferta ás demandas e necesidades reais, e planificar as accións de promoción e marketing. Todos os datos turísticos estarán dispoñibles no Espazo profesional da Comarca do Eume.

"Estou convencido de que estamos nunha zona que é a gran xoia do turismo de Galicia", expresou Regueira, "unha xoia que debemos coidar, apostando por un turismo responsable nun parque natural como o das Fragas do Eume no que a sustentabilidade é irrenunciable". "Para iso", engadiu, "debemos aplicar ferramentas que nos permitan seleccionar o perfil de turista que queremos atraer, e ofrecerlle produtos deseñados á súa medida". Nese sentido, "esta plataforma é un primeiro paso no camiño a ese turismo de futuro. Somos un territorio turístico consolidado no escenario nacional e internacional, e é o momento de avanzar en intelixencia de datos para deseñar estratexias e produtos en base a esa información".

O vicepresidente salientou a importancia de "coñecer os datos dos visitantes e turistas, e do seu comportamento en destinos como as Fragas do Eume, para mellorar a competitividade e a sustentabilidade turística". Deste xeito, explicou "poderemos continuar avanzando nun turismo que, para nos, so ten razón de ser se repercute de maneira positiva no territorio, económica, social e medioambientalmente".