A Deputación pon en marcha a Oficina de Transición Enerxética de Cerceda
O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde Juan Manuel Rodríguez visitaron o espazo habilitado no centro cívico cercedense, que complementa ao instalado nas Pontes
A OTE asesora a veciñanza, concellos e entidades en cuestións como a factura da luz, autoconsumo, certificado enerxético ou comunidades enerxéticas e prestará apoio técnico a proxectos emblemáticos relacionados con accións da estratexia de transición enerxética na provincia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e das deputadas Cristina Capelán Cancelo e Rosa Ana García, visitou esta mañá a nova Oficina de Transición Enerxética (OTE) da Deputación situada no Centro Cívico do municipio cercedense. O espazo ofrece tanto atención a particulares, familias e empresas como a concellos.
A OTE de Cerceda únese á que xa está en funcionamento no concello das Pontes, no que para Formoso supón "a concreción da aposta da Deputación da Coruña polo potencial enerxético que ten Galicia en dous municipios que son referencia na nosa provincia neste sentido". "A enerxía é un potencial que está no noso aire, na nosa auga, no noso medio e toca aproveitalo para a sociedade. Porque coa guerra de Ucraína vimos que é un aspecto crítico que pode tombar un país, pero tamén axudar a levantalo, como debería ser no caso de Galicia", engadiu Formoso sobre a firme aposta da entidade que dirixe no aproveitamento do potencial do noso país en materia de produción de enerxías renovables.
O presidente explicou que a OTE de Cerceda "busca dar servizo á cidadanía nun asunto tan complexo de entender como é a factura eléctrica, na que existen moitos erros que supoñen perdas económicas". "Nós facilitamos esa transparencia á veciñanza de Cerceda e a súa contorna. Non hai que interpretar a factura, basta con achegarse á Deputación para que a interpreten por ti e, se hai algún tipo de reclamación, tamén facela por ti. Se tes algunha necesidade en canto a subvencións para a túa vivenda ou empresa, o mesmo", explicou o presidente provincial.
Pola súa banda, o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou o seu convencemento de que a oficina terá unha boa acollida por parte da veciñanza. "Estamos moi agradecidos á iniciativa da Deputación. Cando falamos de transición ecolóxica, é difícil imaxinar un presidente con maior empatía que Valentín González Formoso, por todo o que implica para a provincia, para As Pontes e para un concello irmán como é Cerceda", matizou.
A nova OTE de Cerceda ofrece servizos en catro áreas. Por unha banda, de asesoramento técnico en materia de enerxía e transición enerxética. Ademais, difundirá axudas públicas relacionadas con esta materia e ofrecerá vías de formación en relación a facturas de luz e gas, autoconsumo, certificado enerxético ou comunidades enerxéticas. Dentro das súas función tamén está o apoio a proxectos emblemáticos relacionados con accións da Estratexia de transición enerxética na provincia.
Así, os luns e os xoves, de 8:00 a 14:00 horas ofrecerá atención ao público, mentres que os martes, mércores e venres realizará asistencia aos concellos.
Estas dúas Oficinas de Transición Ecolóxica, chaves para a política do Goberno provincial en materia de enerxía, están coordinadas pola área de Transición Ecolóxica de Deputación.