Estás en:Novas

Comeza o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un dos referentes mundiais da música folk

«Este festival, co que a Deputación da Coruña ten o orgullo de colaborar, transcende a súa programación: é unha homenaxe viva á nosa herdanza cultural e un punto de encontro para xentes de todo o mundo que comparten paixón pola música celta», afirmou na inauguración a deputada de Cultura, Natividade González

No cartel de actuacións, todas gratuítas, destacan bandas como Ailá, Aroze, BackWest, Bagad Brieg, Capercaillie, Cúig, Dervish, Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads, Kinnaris Quintet, Muro Kvartet, Nogood Boyo ou Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band

Obradoiros, cursos, exposicións, charlas, a tradicional feira de artesanía e outras actividades, tamén de balde, completan un programa que ofrecerá 21 concertos e 22 pasacalles desde hoxe ata este domingo

Comeza o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un dos referentes mundiais da música folk

A praza Isabel II acolleu esta tarde a inauguración do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, unha das citas máis multitudinarias da música celta en España e un dos referentes mundiais do folk. O evento, que volverá contar co apoio da Deputación da Coruña, celebrarase desde hoxe ata este domingo.

A institución provincial estivo representada pola deputada de cultura, Natividade González, a quen acompañaron Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira; Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira; María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade; Xosé Manuel Merelles, director xeral de Turismo de Galicia, e María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña.

González comezou a súa intervención gabando o festival: "Como deputada de Cultura, sinto un inmenso orgullo ao ver como a vila de Ortigueira se converte, unha vez máis, nun epicentro de celebración onde a música e as tradicións celtas se atopan e se entrelazan nunha experiencia única e máxica".

Para a titular de Cultura, o festival vai máis alá da súa programación: "É unha homenaxe viva á nosa herdanza cultural e un punto de encontro para xentes de todo o mundo que comparten paixón pola música celta. Aquí en Ortigueira, durante estes catros días, as melodías das gaitas, as harmonías dos violíns e os ritmos das percusións lembrarannos a beleza da nosa identidade cultural e a forza das nosas tradicións".

González referiuse tamén ao apoio da Deputación ao festival: "co que é un pracer colaborar coas nosas liñas de axudas para que sexa posible este histórico e singular festival; un evento que nos demostra que, nun mundo cada vez máis globalizado, as nosas raíces culturais seguen sendo unha fonte de orgullo e inspiración". "A música celta ten a capacidade de unirnos, de crear pontes entre xeracións e de reafirmar a nosa identidade colectiva", rematou.

Programa

No cartel de actuacións, todas gratuítas, destacan bandas como Ailá, Aroze, BackWest, Bagad Brieg, Capercaillie, Cúig, Dervish, Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads, Kinnaris Quintet, Muro Kvartet, Nogood Boyo ou Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band. Obradoiros, cursos, exposicións, charlas, a tradicional feira de artesanía e outras actividades, tamén de balde, completan un programa que ofrecerá 21 concertos e 22 pasacalles.

O deste ano será un festival de Ortigueira "máis feminino", como sinalan os organizadores. "Incluímos a Scottish Fish, Kinarris Quintet e Fillas de Cassandra, tres grupos internacionais formados integramente por mulleres, subliñando a nosa aposta polo recoñecemento das artistas femininas en xéneros musicais tradicionalmente dominados por homes. Queremos que o festival non só celebre a diversidade e a innovación na música celta, senón que tamén resalte o impacto das mulleres que están a transformar a escena musical".