Estás en:Novas

O solpor unirá Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura o vindeiro 23 de xullo

Ese día coinciden os momentos exactos do amencer nipón co da posta de sol na Costa da Morte

O municipio de Fisterra acollerá un acto de unión entre ambos territorios, que visualizarán ao mesmo tempo o solpor e o amencer desas partes do mundo nunha videoconferencia conxunta

A Deputación colabora con esta iniciativa "que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia, e que comparten moito máis que os dous días do ano nos que se pon e sae o sol ao mesmo tempo" apunta Regueira

O solpor unirá Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura o vindeiro 23 de xullo

O vindeiro 23 de xullo, poñerase o sol en Fisterra aproximadamente ás 22:00h, xusto no mesmo momento no que sairá na localidade xaponesa de Nachikatsuura, no que serán xa ás 05:00h xa do día 24 en Xapón. Esta coincidencia, que só se produce 2 días ao ano, é o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará simultaneamente nos dous lados do mundo.

O Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa, coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, que parte dun estudo seu. O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca que "queremos celebrar este vínculo que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia". Unha unión "que vai máis aló", apunta Regueira, "xa que compartimos moito máis que eses dous días nos que coinciden o solpor e o amencer: orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna". Cuestións "que defendemos dende a Deputación como fitos irrenunciables e transversais, e que definen as nosas estratexias turísticas".

Ademais, ambas localidades comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o vindeiro 23 de xullo en Fisterra celebrarase " a unión entre Fisterra e Nachikatsuura, Galiza e Xapón", nun evento institucional no que se poderá visualizar nunha mesma pantalla, de xeito simultáneo, o sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.