Formoso visitou a Festa do Polbo de Mugardos
A localidade celebra a 32 edición da festa do seu produto máis típico, "que une gastronomía e tradición"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá en Mugardos á inauguración da Festa do Polbo, que este ano alcanza a súa 32ª edición.
Declarada de Interese Turístico de Galicia desde 2009, a festa volveu reunir a miles de persoas na vila para degustar o polbo á mugardesa, o produto gastronómico de referencia na localidade.
Formoso destacou que a festa "une gastronomía e tradición desde hai máis de tres décadas" e goza cada ano dunha importante afluencia de visitantes e da implicación da veciñanza para "exaltar un produto do mar do que viven centos de familias e que leva o nome de Mugardos por toda España".
A Deputación da Coruña apoia a actividade das confrarías de pescadores e este ano incluíu unha nova liña para subvencionar festas e actividades de exaltación de produtos do mar.