A Deputación apoia con 224.650 euros a 42 entidades labregas, agrarias e forestais da provincia
O programa permite financiar actividades como rozas de montes, que contribúen á prevención de incendios, e accións para impulsar a comercialización de produtos propios, tanto agrogandeiros como forestais
A Deputación da Coruña dá apoio a entidades asociativas labregas, agrarias, gandeiras e forestais e da provincia cunha liña de axudas para actividades de 224.650 euros. Este programa permitirá financiar actividades como rozas de montes, que contribúen á prevención de incendios, e impulsar programas e accións que contribúan a impulsar a comercialización de produtos propios, tanto agrogandeiros como forestais.
Un total de 42 entidades da provincia recibirán as axudas, por importes que van dos 4.500 aos 6.300 euros, a través das que a Deputación da Coruña busca impulsar os proxectos de valorización e comercialización de produtos, previr incendios e mellorar o medio rural.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión definitiva das axudas, que financian numerosas accións entre as que as máis frecuentes son as destinadas a actuacións silvícolas, de roza prevención de incendios por parte de numerosas comunidades de montes, así como programas de rexeneración de especies autóctonas, accións para a mellora da calidade xenética do gando vacún ou implantación de novas tecnoloxías en explotacións agrogandeiras.
Estas axudas súmanse á liña de subvencións para investimentos aprobada o pasado mes de maio, na que 28 comunidades de montes de man común recibiron 118.000 euros para prevención de incendios, mellora de pistas rurais e repoboación forestal.
A deputada responsable da área de Mar, Agro e Medio Rural, Cristina Capelán, sinalou que estas subvencións permitirán "apoiar os sectores agrogandeiro e forestal, de grande importancia social e económica na provincia da Coruña ".
Listaxe de entidades beneficiarias:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/07/15/2024_0000005034.html