A Deputación completa as obras de mellora da seguridade viaria da DP 4901 en Moeche
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou a zona acompañada da alcaldesa, Beatriz Bascoy e a deputada Cristina García
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañada da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy e da deputada de Plans provinciais, Cristina García, visitou as obras recentemente rematadas de mellora da seguridade viaria na estrada DP 4901 de San Ramón á estrada de As Somozas, entre os puntos quilométricos 1+000 e 1+780.
As obras supuxeron un investimento de 217.341,66 euros para levar a cabo a ampliación deste tramo estrada (que contaba cunha plataforma de só 4,2 metros de ancho) ata os 6 metros e a construción dunha senda de 2 metros de ancho na marxe esquerda que contribuirá mellorar a seguridade peonil na zona.
Segundo explicou Mónica Rodríguez, as obras enmárcanse na aposta da Deputación por crear sendas e beirarrúas que melloren a seguridade dos viandantes na rede provincial de estradas, especialmente nos núcleos rurais, como este de Moeche, onde non existía zona de paso para peóns.
As obras executáronse a un quilómetro do núcleo de San Ramón (Moeche), onde se sitúan numerosos servizos públicos como a Casa do Concello ou o centro de saúde da localidade e consistiron na ampliación da sección da calzada cunha base de zahorra e grava sobre a que se aplicaron 6 cm de mestura bituminosa en quente e rego asfáltico para a mellora a adherencia dos vehículos.
A senda, de dous metros de ancho, discorre elevada sobre a marxe esquerda do vial e executouse en formigón coloreado con bordo exterior.
A rede de recollida de pluviais resolveuse cunha canalización en PVC de 315 mm de diámetro baixo a senda, con rede se sumidoiros. Incluíuse tamén canalización para instalación da rede de alumeado público e renovación da sinalización horizontal e vertical.
Mónica Rodríguez comprometeuse a estudar as demandas da alcaldesa con respecto a esta estrada, consistentes na mellora da capa de rodaxe do tramo non afectado polos recentes traballos, así como a continuación da senda peonil ata a estrada de As Somozas.