Estás en:Novas

A retransmisión simultánea do solpor fisterrán e o amencer xaponés emitirase en directo o 23 de xullo no YouTube da Deputación

Ese día coinciden os momentos exactos do amencer nipón co da posta de sol na Costa da Morte, que se visualizarán nunha única pantalla a partir das 22h

A retransmisión simultánea do solpor fisterrán e o amencer xaponés emitirase en directo o 23 de xullo no YouTube da Deputación

O vindeiro 23 de xullo retransmitirase, a través deste enlace, na nosa canle de YouTube, a imaxe da coincidencia do solpor de Fisterra co do amencer na localidade xaponesa de Nachikatsuura. Unha emisión en directo que comezará ás 22:00h; 3 minutos antes de que o sol desapareza no atlántico e apareza no Pacífico.

Esta iniciativa, organizada pola Deputación e coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, celebra o vínculo entre ambos territorios que, tal e como sinalou o vicepresidente Xosé Regueira, "vai máis aló desta coincidencia durante 2 días ao ano, xa que nos une o orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna".

Este vínculo celebrarase nun acto institucional, con representación institucional, no Semáforo de Fisterra, onde se establecerá unha conexión por videoconferencia con Nachikatsuura, e onde se visualizará tamén esa dobre estampa do sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.