Estás en:Novas

A deputada Cristina Capelán visita a asociación AFRICOR Coruña

A entidade conta con 816 asociados, cun censo total de máis de 143.000 animais de gando e explotacións ao longo de toda a provincia

A agrupación está inmersa nun proxecto de probas xenómicas para facilitar ao gandeiro a mellor selección dos seus animais e mellorar o frisón vacún

A deputada Cristina Capelán visita a asociación AFRICOR Coruña

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán visitou as instalacións de AFRICOR Coruña, a Asociación Provincial de Criadores de Frisón da Coruña. Durante o seu encontro, os responsables explicáronlle á responsable provincial as accións tendentes á mellora da calidade xenética que a entidade está a levar a cabo en colaboración con Xenética Fontao e Conafe, a Confederación de Asociaciones de Frisona Española e que contan coa colaboración económica da Deputación da Coruña, a través das liñas de subvencións para entidades agrograndeiras.

O proxecto a tres bandas consiste na realización de probas xenómicas no gando vacún frisón da provincia da Coruña co obxectivo de seguir mellorando a raza. Deste xeito, localízanse aos animais con maior potencial de transmisión e selecciónase as mellores nais para incrementar o rendemento produtivo da futura descendencia e a rendibilidade das explotacións. Así, contribúese a facilitar ao gandeiro unha mellor selección dos seus animais.

Neste sentido, AFRICOR é a encargada de realizar o traballo de campo recollendo todas as mostras nas granxas, grazas á súa ampla rede de 816 asociados cun censo total de 142.412 animais, dos cales 83.899 son vacas reprodutoras.

As explotacións gandeiras asociadas a AFRICOR sitúanse ao longo de toda a provincia da Coruña. Os concellos de Mazaricos, con 64, e Santa Comba, con 57, son os municipios nos que están instaladas un maior número destas explotacións.