Estás en:Novas

A Deputación aproba un investimento de máis dun millón de euros para mellorar a seguridade no tramo do Camiño Inglés que vai da ponte do Porco á ponte do Lambre

As obras, entre os concellos de Miño e Paderne, inclúen a construción dunha senda de 1,3 quilómetros que garanta a seguridade peonil, así como a ampliación da plataforma da calzada da estrada DP-4804

O tramo, que coincide co Camiño Inglés, dispón na actualidade dun ancho da calzada reducido, sen beiravías nin zona habilitada para a circulación de peóns

A Deputación aproba un investimento de máis dun millón de euros para mellorar a seguridade no tramo do Camiño Inglés que vai da ponte do Porco á ponte do Lambre

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o proxecto das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-4804, nos termos municipais de Miño e Paderne, cun investimento previsto de 1.000.098 euros.

As obras prevén a construción dunha senda peonil de 1,3 quilómetros de lonxitude no tramo que conecta a ponte do Porco (Miño) e a ponte medieval do Lambre (Paderne), así como a ampliación e acondicionamento da plataforma da estrada, que pasará dos escasos catro metros actuais a seis metros de ancho, o que permitirá que se crucen dous vehículos en condicións de seguridade. O proxecto inclúe tamén a pavimentación do vial con formigón bituminoso de 5 cm.

A isto súmase a dotación de beiravías en ambas marxes e dunha senda, de dous metros de ancho e cun tramo de pasarela, que garantirá o paso seguro de peóns nun tramo moi frecuentado por peregrinos, xa que forma parte do itinerario do Camiño Inglés.

Os traballos contemplan tamén a instalación de novas redes de drenaxe lonxitudinal e transversal para a recollida, canalización e evacuación da auga nas proximidades da plataforma e nas marxes.

Por último, a actuación complétase coa mellora e renovación da sinalización, establecendo novas marcas viarias e sinalización vertical, sistemas de contención de vehículos na contorna da ponte da vía do ferrocarril e sistemas de balizamento.

O tramo obxecto do proxecto discorre baixo o paso superior da vía do ferrocarril Ferrol-Betanzos, nas inmediacións do río Lambre e na contorna de protección da Ponte do Porco e a Casa Vila, polo que será necesario tamén coordinar as obras cos organismos competentes.