A Deputación da Coruña ofrece ao Goberno a residencia do IES Rosalía Mera para acoller a persoas refuxiadas da guerra de Mali
Formoso reuniuse hoxe co delegado do Goberno en Galicia para ofrecer as 44 prazas do centro, que xa acolleu a refuxiados da guerra de Bosnia nos 90 e da guerra de Ucraína ata hai poucos meses
"Agora tócanos estar á altura das circunstancias e seguir exercendo ese espírito solidario que caracteriza a esta provincia ante a grave crise humanitaria que están a vivir en Mali", afirmou o presidente
"Ter oportunidade de contar con esas prazas adicionais supón contribuír solidariamente non só con todas esas persoas que chegan ao noso país fuxindo da guerra, senón coas comunidades autónomas que están sufrindo unha presión inaudita", afirmou Pedro Blanco
A Deputación da Coruña pon ao dispor do Goberno de España as instalación da residencia do IES Rosalía Mera, na cidade herculina, para a acollida de persoas refuxiadas da guerra de Mali.
Así llo trasladou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, durante a reunión de traballo que ambos mantiveron na sede da Delegación.
Formoso lembrou que a Deputación xa acolleu a refuxiados da guerra de Iugoslavia a principios dos anos 90 e até hai pouco da guerra de Ucraína e "agora tócanos estar á altura das circunstancias e seguir exercendo ese espírito solidario que caracteriza a provincia ofrecendo a Estado e Xunta un total de 44 prazas no IES Rosalía Mera para a acollida de persoas refuxiadas da guerra de Mali ante a grave crise humanitaria que están padecendo".
"Desde o Estado, coa colaboración das comunidades autónomas, hai en marcha un plan de acollida no que se disporán distintos recursos para a atención e integración das persoas refuxiadas e aí é onde a Deputación da Coruña ofrece de novo a súa colaboración", afirmou o presidente provincial.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu á Deputación a oferta de colaboración "nun momento en que é preciso que todos sumemos".
Blanco anunciou que "nos próximos días chegarán de xeito escalonado" as persoas refuxiadas que serán acollidas en Galicia. "No día de mañá martes chegarán os 104 primeiros, que irán ao Monte do Gozo en Santiago e nas próximas semanas irán chegando máis".
"Ter oportunidade de contar con esas prazas adicionais supón contribuír solidariamente non só con todas esas persoas que chegan ao noso país fuxindo da guerra, senón coas comunidades autónomas que están sufrindo unha presión inaudita. Deputación, Xunta e Estado imos traballar xuntos para ser solidiarios con Canarias e co resto de comunidades", afirmou Blanco.
A residencia do IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña dispón de 22 habitacións dobres (44 prazas en total) que foron renovadas hai pouco para acoller a persoas refuxiadas da guerra de Ucraína. O centro conta ademais con espazos comúns como sala de estar e de televisión, sala de xogos, biblioteca, sala de ordenadores con acceso a internet e zona de cociña.