A Deputación firma un convenio co IMCE para cofinanciar as Actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa
A deputada de cultura, Natividade González, asinou o acordo co titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, mediante o que a entidade provincial destina un total de 250.000€
A deputada de cultura, Natividade González, e o titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para o cofinanciamento das actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa.
Este convenio inclúe un investimento por parte da entidade provincial dun total de 250.000€, unha cantidade que representa o 80% do orzamento total de gastos das actividades a realizar polo IMCE.
O investimento destínase ás actividades de cultura tradicional, con asociacións musicais e/ou culturais da cidade, que se desenvolverán en distintos espazos ao longo do ano; os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual Mestre Mateo como recoñecemento ás obras galegas e ós profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos e actividades culturais na rúa de artes escénicas destinadas ao público familiar, como espectáculos de maxia, música, danza, teatro, circo ou humor, que se desenvolven en distintos barrios da cidade durante o verán.
O acordo co IMCE forma parte do compromiso da área de cultura da Deputación da Coruña coa posta en valor da cultura tradicional, así como coa promoción do talento e da riqueza do audiovisual galego, e co fomento da accesibilidade da oferta cultural entre a poboación da cidade e da provincia.