Estás en:Novas

Formoso participa a XVI Exaltación do Mexillón Cabo de Cruz no seu regreso despois de oito anos sen celebrarse

A festa ofrece, ademais da tradicional degustación gastronómica, unha serie de variadas actividades arredor deste produto

Formoso participa a XVI Exaltación do Mexillón Cabo de Cruz no seu regreso despois de oito anos sen celebrarse

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na XVI Exaltación do Mexillón Cabo de Cruz, no Concello de Boiro, xunto co alcalde do municipio, José Ramón Romero, e varios membros do goberno municipal.

Despois de oito anos sen celebrarse, esta cita gastronómica regresou por todo o alto á localidade co apoio das seis agrupacións de bateeiros do municipios con maior número de socios (Asmecruz, A Marxa, Amebarraña, Virxe do Carme, Opmegal e A Boirense) e do Concello, unindo as súas forzas co obxectivo de promocionar un produto de referencia na comarca.

Veciños e visitantes puideron degustar máis de 1.800 racións deste molusco con diferentes preparacións gastronómicas (empanada de mexillón, mexillóns ao vapor, mexillóns en vinagreta e hambuguesa de mexillón), ademais de participar en numerosas actividades lúdicas e festivas durante a fin de semana.

Formoso destacou a tradición mexilloeira de Boiro e o importante impacto económico e o elevado número de postos de traballo que xera no municipio o cultivo, transformación e comercialización deste produto de primeira calidade, no que Galicia é unha potencia produtora a nivel mundial.

O presidente reivindicou a necesidade de "potenciar o consumo do mexillón e crear alianzas entre produtores e consumidores, así como continuar promovendo a nosa materia prima en eventos coma este".

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu a implicación das agrupacións de bateeiros e das empresas e institucións que colaboran para recuperar unha festa que conta cunha tradición nun municipio que é un dos principais produtores de mexillón de Galicia.

A Deputación da Coruña apoia este ano a actividade das confrarías de pescadores con 650.00 euros e incluíu unha nova liña para subvencionar festas e actividades de exaltación de produtos do mar.