A Deputación colaborará con ACLAD en campañas de prevención e sensibilización social sobre as drogodependencias
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe no seu despacho da institución provincial á presidenta da Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga (ACLAD) na Coruña, Rosa Barreiro.
Formoso e Barreiro falaron sobre a actividade da entidade, que conta con unidade asistencial e unidade de día no polígono de Agrela da cidade herculina e unha comunidade terapéutica en Culleredo, nas que traballa un equipo multidisciplinar do ámbito social e sociosanitario, con áreas de psicoloxía, psiquiatría, traballo social, educación ou enfermería, entre outras.
A entidade desenvolve ademais campañas e actividades de prevención, formación e sensibilización social sobre as drogodependencias nas que Formoso mostrou o interese da Deputación por colaborar para concienciar á xuventude dos riscos das drogas e dos seus efectos.
A presidenta de ACLAD invitou ao presidente da Deputación a visitar a comunidade terapeútica de Culleredo para coñecer en primeira persoa o traballo que desenvolven alí.