Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega a exposición fotográfica “A Galicia inédita” ao público na dársena da Marina

O presidente da Deputación, a presidenta da APG, e o fotoxornalista César Quián inauguraron esta tarde a mostra, que conta con 73 instantáneas dalgúns dos mellores fotoxornalistas galegos

Formoso subliñou "o papel clave" da fotografía no xornalismo: "Co paso do tempo esquecemos as crónicas e incluso os titulares, pero as fotografías quedan para sempre na nosa memoria"

María Méndez agradeceu "o esforzo realizado pola Deputación coruñesa e o empeño do seu presidente para lograr que A Galicia inédita saia por primeira vez ás rúas nunha cidade galega e que, tanto os habitantes da Coruña, como os seus visitantes, poidan desfrutar deste pequeno botón de mostra do quefacer diario e do talento dos nosos fotógrafos de prensa e xornalistas"

A Deputación da Coruña achega a exposición fotográfica “A Galicia inédita” ao público na dársena da Marina

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, xunto co fotoxornalista César Quián, e o comisario da mostra, Fernando Blanco, inauguraron esta tarde na avenida da Mariña, fronte ao edificio da Autoridade Portuaria coruñesa, a exposición "A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego", organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

A exposición, que xa acadara case 12.000 visitas en Santiago de Compostela, e un notable éxito tamén nas cidades de Pontevedra e Ourense, recala na cidade herculina onde, grazas ao apoio da Deputación, o público poderá desfrutar na rúa durante máis dun mes as súas 73 imaxes. Trátase de obras asinadas por outros tantos fotoxornalistas que traballan en Galicia, acompañadas por textos elaborados por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na nosa comunidade autónoma.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "o gran elenco de profesionais do fotoxornalismo con talento" cos que conta a provincia da Coruña e a súa capacidade para "captar e narrara actualidade a través de imaxes, de ver o que resulta invisible para os ollos dos demais e inmortalizalo nunha instantánea".

Formoso subliñou "o papel clave" da fotografía no xornalismo. "Co paso do tempo esquecemos as crónicas e incluso os titulares, pero as fotografías quedan para sempre na nosa memoria, por iso o voso traballo é tan importante", afirmou o presidente da Deputación, que destacou que a levar a mostra "A Galicia inédita" á Marina coruñesa "permite por primeira vez sacar todo este talento á rúa e poñelo ao alcance de todo o mundo, para que sexa apreciado, valorado e desfrutado pola cidadanía".

O presidente felicitou á APG pola iniciativa, aos fotoxornalistas participantes "que nos propoñen unha interesante viaxe por unha Galicia inédita coas súas instantáneas" e aos xornalistas que escribiron os textos que acompañan a exposición.

Na inauguración, que contou tamén ca presenza do portavoz do Colectivo de Fotoxornalistas, Miguel Riopa; a presidenta da APG, María Méndez agradeceu especialmente "o esforzo realizado pola Deputación coruñesa e o empeño do seu presidente para lograr que A Galicia inédita saia por primeira vez ás rúas nunha cidade galega e que, tanto os habitantes da Coruña, como os seus visitantes, poidan desfrutar deste pequeno botón de mostra do quefacer diario e do talento dos nosos fotógrafos de prensa e xornalistas".

"Inicialmente", engadiu a presidenta da APG, "o obxectivo común da nosa Asociación e do Colectivo de Fotoxornalistas era dar a coñecer á sociedade e facer visibles algunhas das obras, inéditas ou publicadas, dos reporteiros gráficos da nosa comunidade, sen desligalas do traballo dos xornalistas aos que axudan a ilustrar as súas informacións". "Dende a primeira exposición ao público en Santiago, tiñamos unha vocación de itinerancia para facer chegar esas fotografías e eses textos, como é o caso agora da Coruña, ao conxunto dos galegos", concluíu Méndez.

Pola súa banda, César Quian subliñou a colaboración da institución provincial "que servirá para darnos unha visibilidade moi necesaria", así como á APG, "tanto polo desenvolvemento loxístico da mostra, como por aliarse cos fotoxornalistas para acadar un todo de imaxes e textos, francamente atractivo para o público en xeral".

O comisario da mostra, Fernando Blanco, lembrou ademais aos seus compañeiros, "os fotógrafos que, coa súa xenerosidade, fixeron posible este fito histórico de xuntar a 73 dos algo máis de 100 profesionais gráficos que traballan neste momento na prensa galega". "Máis que nunca", rematou, "buscamos unha ollada diferente, porque temos que competir coa inmediatez das redes sociais... agardamos que disfrutedes tanto das fotografías, como nós desfrutamos facéndoas".